O camiño cara ao Campionato de Europa 2024 de Ciclocrós que acollerá Pontevedra queimará un novo capítulo o vindeiro sábado 8 de outubro coa celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra, evento de categoría internacional C1 e segunda cita puntuable para a Copa de España da especialidade.
"É unha forma de testar unha organización e un circuíto que están probados pero que sempre poden mellorar", recoñeceu este mércores na presentación do evento o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
A Illa das Esculturas ou o "mellor estadio do mundo para o ciclocrós" segundo o presidente da Degeración Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, acollerá a competición, na que se agarda a presenza de máis de 600 deportistas entre as súas diferentes categorías, con ciclistas chegados desde Francia, Bélxica, Inglaterra ou Italia, coa súa selección nacional.
A actividade dará comezo ben cedo, ás 9.00 horas, coa carreira júnior masculina. Despois chegará a júnior feminina (10.15 horas), a elite e sub23 feminina (11.45 horas), elite e sub23 masculina (13.00 horas), o ciclocrós inclusivo (14.15 horas), cadetes (17.00 horas) e máster (18.00 e 19.00 horas), todo iso nun circuíto de 3,4 quilómetros que se espera rápido pola ausencia de choivas e, por tanto, de barro.
EFECTO CONTAXIO
Na presentación destacouse ademais o "efecto contaxio" que tivo a aposta de Pontevedra polo ciclocrós acompañada do traballo da Federación Galega de Ciclismo. Tanto é así que Juan Carlos Muñiz destacou que esta tempada e por primeira vez en Galicia "trenemos cinco probas internacionais. Non hai ningunha comunidade que teña tanto". En total, coa Copa Galicia e o campionato autonómico son unha vintena de carreiras as calendadas, destacando o salto ao calendario internacional de probas como as de Ribadumia ou Sanxenxo.
Así, tras o Gran Premio Cidade de Pontevedra este mesmo domingo 9 de outubro Marín será sede do Xaxán CX, de categoría internacional C2. Mesmo nivel terán as citas que se organizarán na localidade coruñesa das Pontes (12 de outubro), o Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia (15 de outubro) e o Ciclocrós Internacional Con da Romaíña-Concello de Sanxenxo (16 de outubro).