Pontevedra dá a coñecer entre os deportistas en Abu Dhabi a Gran Final das Series Mundiais de 2023

Pontevedra
25 de novembro 2022

A delegación pontevedresa desprazada ata a cidade dos Emiratos Árabes Unidos está realizando diferentes accións informativas para dar a coñecer a cita do ano que vén. Competidores de alto nivel como Jonathan Brownlee ou Antonio Serrat compartiron impresións co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o deputado provincial Gorka Gómez

Miguel Anxo Fernández Lores, Antonio Serrat e Gorka Gómez en Abu Dhabi
Miguel Anxo Fernández Lores, Antonio Serrat e Gorka Gómez en Abu Dhabi / Concello de Pontevedra

Dar a coñecer a Gran Final das Series Mundiais de 2023 que se celebrarán na Boa Vila é un dos principais obxectivos da delegación pontevedresa desprazada estes días a Abu Dhabi para recoller a testemuña do evento na proba que pecha a tempada do circuíto internacional deste ano.

A representación encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o deputado provincial Gorka Gómez, intercambiaron impresións con triatletas de elite como o vigués Antonio Serrat ou o medallista olímpico Jonathan Brownlee, que confirmou a súa intención de volver competir en Pontevedra o próximo ano, tal e como fixo máis veces ao longo dos últimos anos.

En canto a Serrat, con base habitual de traballo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, "vai estar en Pontevedra salvo catástrofe porque é galego e conta con poder gozar deste evento que promete ser toda unha experiencia para moita xente", sinalou Lores desexándolle xunto ao deputado provincial sorte para a Gran Final deste ano.

A campaña promocional posta en marcha polo Concello en Abu Dhabi fai, sinala o goberno local, que sexa sinxelo atoparse con xente con material promocional de Pontevedra 2023 como pulseiras, chapas, folletos ou revistas, e é que "o Loro Ravachol espérate en Pontevedra", sinala a promoción.

Entre as impresións recollidas, explican desde o emirato, é que entre deportistas e adestradores lémbrase de bo grado o ITU Multisport 2019 celebrado na Boa Vila.