Pontevedra dá a benvida ao Mundial dos records

Pontevedra
30 de maio 2014

O Campionato do Mundo de Dúatlon inaugurouse oficialmente cunha cerimonia na Praza da Pedreira. Un total de 1.412 deportistas de 38 países inscribíronse na cita, que se prolongará durante toda a fin de semana

Inauguración do Campionato do Mundo de Dúatlon
Inauguración do Campionato do Mundo de Dúatlon / PontevedraViva

O Campionato do Mundo de Dúatlon de Pontevedra quedou inaugurado oficialmente este venres cunha concorrida cerimonia festiva na Praza da Pedreira.

O Mundial dos records, con 1.412 deportistas inscritos de 38 países, apropiarase da cidade de Lérez durante toda a fin de semana.

Moitos deles congregáronse ante o Pazo de Mugartegui para gozar dun acto de inauguración que contou coas actuacións do grupo de danza galega Os de Algures, o rapeiro Leo Kch e o gaiteiro ÿscar Ibáñez.

Ao palco instalado na praza subíronse tamén unha representación de deportistas, xuíces e membros da organización, ademais de autoridades como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o Sercretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, e o representante da Federación Intenacional (ITU), Ahmed Nasser, quen deu como aberto un campionato que a organización espera sexa "o mellor Mundial dos disputados ata agora".

ROLDA DE PRENSA PREVIA AO CAMPIONATO

Unha hora antes da inauguración varios duatletas protagonizaron a rolda de prensa oficial no Pazo da Cultura.

Entre eles encontrábanse os españois Miriam Casillas e Emilio Martín, este último atleta da Gimnástica de Pontevedra e un dos favoritos ao título, que sinalou que competir na casa "es una motivación extra, aunque la presión también es un poco mayor".

A pesar diso Martín espera seguir os pasos de Rob Wostenborghs, campión hai un ano en Cali e que protagonizou a anécdota da xornada, ao asegurar na conferencia de prensa que problemas no voo remataron coa súa equipaxe, bicicleta incluída, no aeroporto barcelonés de El Prat, aínda que espera poder recuperalo para a competición.