Un ano máis, a carreira Ponle Freno, antiga Ponte Noite, resultou todo un éxito no que a participación e ambiente refírese. Máis de novecentos valentes, fronte ao milleiro do pasado ano, correron polas rúas de Pontevedra.
A recadación da proba (5 euros por cada inscrito) destinarase á asociación Amizade para achegar, así, un granito de area na axuda ás vítimas de accidentes de tráfico.
A pesar de que era ás 21:30 cando estaba prevista a saída da carreira, tanto para os corredores da opción máis longa de 10 quilómetros, como para os da de 5 quilómetros, a avenida Montero Ríos xa sobordaba desde bastante antes.
Os máis pequenos foron os protagonistas entón, xa que foron eles os que inauguraron a xornada coas probas correspondentes ás súas categorías. A continuación, desenvolvéronse as dúas carreiras grandes.
Por unha banda, Amadeo Abal foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo de 30:34, seguido por Álvaro Prieto e o atleta profesional Martín Fiz. Entre as mulleres, a gañadora foi Eva Iglesias, que completou a proba en 38:32. Tras ela chegaron Laura Pérez e Andrea Alonso.
Na opción máis curta, venceu Víctor Alonso, que tardou 15:25 en completar o percorrido polas rúas pontevedresas. Despois del chegaron Manuel Lorenzo e Víctor Riobó. Na categoría feminina gañou Elsa Pena, cun tempo de 17:50; seguida de Ángeles Castro e Karina Pasarin.
Ademais, o tempo que acompañou á cita foi inmellorable, conseguindo ao final da mesma que os asistentes xa pensasen na próxima edición.
Consulta os resultados da terceira edición da carreira Ponle Freno de Pontevedra.