Pontevedra coroará o sábado aos campións autonómicos de dúatlon

Pontevedra
13 de abril 2022

O inicio da proba está previsto para as 16 horas coa saída da carreira masculina, para continuar ás 17.30 horas coa competición feminina. O trazado do segmento ciclista inclúe por primeira vez o paso polos arredores do mosteiro de San Benito e a ponte das Palabras

Presentación do campionato galego de dúatlon
Presentación do campionato galego de dúatlon

A contorna da Illa das Esculturas será este sábado o epicentro do campionato galego de dúatlon, que reunirá en Pontevedra a preto de 150 deportistas de todas as categorías. O evento foi presentado este mércores no Concello polo titular de Deportes, Tino Fernández, acompañado por Anaís Rivas e Enrique Hernández, representantes da Federación Galega de Tríatlon e do club Rías Baixas, anfitrión da proba.,

En poñer en valor o espazo natural no que se celebrará o campionato coincidiron os tres representantes. "É un espazo único", dixo Tino; "non hai mellor sitio para un campionato que Pontevedra", engadiu Anaís; e de "contorna privilexiada", falou Enrique.

A competición estará composta por tres segmentos. O primeiro, de carreira a pé, transcorrerá na contorna da Illa das Esculturas e a praia fluvial. O segundo, de ciclismo, incorpora unha novidade con respecto a probas anteriores que é a de incluír a Ponte das Palabras e a contorna do mosteiro de San Benito no percorrido; o terceiro e definitivo tramo a pé volverá transcorrer pola contorna da Illa do Covo. A distancia dos dous tramos de carreira será de 2,5 quilómetros e dúas voltas e media ao circuíto, mentres que o sector ciclista é de 18 quilómetros con catro voltas ao circuíto.

No referente a participación, están rexistradas 57 deportistas de 21 equipos para a modalidade feminina e 81 de 20 equipos, para a masculina. Ademais daranse cita en Pontevedra duatletas de todas as categorías, desde xuvenil ata veteranos.

A proba comezará ás 16 horas coa saída da carreira masculina e continuará ás 17.30 horas, coa feminina. Ao finalizar ambas as carreiras terá lugar a cerimonia de entrega de premios na contorna do Puente dos Tirantes.