Pontevedra-Compostela e Arosa-Arenteiro para comezar a liga o 5 de setembro

Pontevedra
20 de xullo 2021

Prato forte para comezar a liga. O Pontevedra debutará en Pasarón o próximo 5 de setembro recibindo nin máis nin menos que á SD Compostela. Pola súa banda, o recentemente ascendido Arosa debutará tamén en casa, no seu campo da Lomba, nun derbi contra outro recentemente ascendido como o Arenteiro

Charles e Rufo, no partido entre Pontevedra e Compostela da tempada 20-21
Charles e Rufo, no partido entre Pontevedra e Compostela da tempada 20-21

Prato forte para comezar a liga. O Pontevedra debutará en Pasarón o próximo 5 de setembro recibindo nin máis nin menos que á SD Compostela. Pola súa banda, o recentemente ascendido Arosa debutará tamén en casa, no seu campo da Lomba, nun derbi contra outro recentemente ascendido como o Arenteiro.

A Real Federación Española de Fútbol publicou na tarde deste martes o calendario completo da tempada 2021/22 do grupo no que militarán Pontevedra e Arousa, correspondente ao Grupo 1 da recentemente creada 2ª RFEF.

O grupo compóñeno 18 equipos: os seis galegos (Pontevedra, Arosa, Compostela, Coruxo, Arenteiro e Bergantiños), catro da Comunidad de Madrid (Móstoles, Leganés B, Navalcarnero e Unión Adarve), tres de Castela-León (Salamanca UDS, Gimnástica Segoviana e Palencia Cristo Atlético) e os cinco de Asturias (UC Ceares, UP Langreo, Real Avilés, Marino de Luanco e UD Llanera).

Os granates terán a súa primeira saída na xornada 2 visitando ao Móstoles e terminarán a primeira volta recibindo ao Palencia Cristo Atlético, en Pasarón, mentres que o Arosa desprazarase a Luanco para velas co Marino para pechar a primeira volta o 9 de xaneiro visitando ao Bergantiños.

Como queira que, a diferenza da 1ª RFEF, o calendario desta cuarta categoría do fútbol español é simétrico, na segunda volta os granates comezarán visitando San Lázaro, en Santiago de Compostela e pecharán a liga a domicilio fronte CD Palencia Cristo Atlético, co Arosa viaxando ao Carballiño o 23 de xaneiro e despedindo tempada o 15 de maio na Lomba, fronte ao Bergantiños.

Polo que respecta aos derbis entre granates e arlequinados, o da primeira volta terá lugar na xornada 13, o día 28 de novembro, en Pasarón, e o da segunda volta na xornada 30, o 17 de abril.

Consulta o calendario completo do Grupo 1 de 2ª RFEF.