Na canle de Youtube do Concello de Pontevedra xa está dispoñible para todos os públicos a breve peza audiovisual que resume a estreita relación da Boa Vila co tríatlon que terminou por convencer á ITU ( International Triathlon Union) para conceder á capital das Rïas Baixas a organización da final das series mundiais de tríatlon do 2023, o evento máis importante da tempada deste deporte.
Nun vídeo de menos de 90 segundos, os realizadores deixaron ben claros os puntos fortes da candidatura pontevedresa: unha cidade entregada ao tríatlon nunha contorna que combina á perfección natureza con paisaxes urbanas. E todo cunha posta en escena e un ritmo trepidantes.
O éxito de eventos anteriores como o mundial multideporte exerceron de aval e exemplo do que Pontevedra é capaz de organizar. A vista de dron sucédense planos dos eventos musicais que se celebraron na Praza de España, do paso dos corredores entre nubes de afeccionados entregados, dos sobrecogedores espazos naturais que ofrecen o río Lérez e o Pontillón do Castro ou da inesquecible entrada de Gömez Noya e Pablo Dapena no CGTD para asinar un dobrete histórico.
Un cóctel irresistible que acabou por outorgar a gran final das series mundiais a Pontevedra, que pecha o círculo para ser, se aínda non o era, a capital do tríatlon.