Dous meses despois de que se apagara a chama olímpica en Tokio, o Concello de Pontevedra puido reunir no Teatro Principal aos seus catro deportistas olímpicos. Antía Jácome e Juan Saavedra, pontevedreses de nacemento; e Teresa Portela e Javi Gómez Noya, pontevedreses de corazón, compartiron noventa minutos con medio centenar de persoas que asistiron ao acto para coñecer mellor aos seus ídolos.
Conducido polo presentador Terio Carrera, o acto comezou con sentido minuto de silencio en recordo de Teresa Lima, propietaria xunto co seu marido Miguel Cortegoso, do ximnasio Mace Sport de taekwondo. Tras unha breve presentación dos catro deportistas, tomou logo a palabra o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para felicitalos polos éxitos conseguidos e expresar o seu orgullo porque "en Pontevedra somos referencia en moitas cousas, tamén non deporte".
No momento das entrevistas, a primeira en tomar a palabra foi Teresa Portela, que recoñeceu pasar máis horas en Pontevedra que en Cangas, a súa vila natal, ou no Grove, onde vive. "A carreira dun deportista son momentos, ás veces saen as cousas, ás veces, non; pero ao final sinto que conseguín o que tanto tempo levaba perseguindo", confesou satisfeita a piragüista.
Do medo a que un contaxio por covid-19 arruinase a súa participación nos Xogos, falou o tirador Juan Saavedra, que finalmente cumpriu o seu obxectivo de regresar a casa cunha medalla. De compartir momentos con deportistas da talla de Pau Gasol, falou Antía Jácome, aínda impresionada pola súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos e por un ano 2021 cargado de éxitos, o último a súa primeira medalla nun mundial.
Pechou a quenda de entrevistas, o triatleta Gómez Noya, quen recoñeceu que os de Tokio foron os seus últimos Xogos e que agora se centrará na longa distancia.
O público, entre os que estaban nenas e nenos de clubs da cidade, foi tamén protagonista ao facer preguntas aos seus referentes. A presión, os seus hábitos, a alimentación ou os seus soños da infancia foron só algúns dos temas que trataron antes de pasar a asinar no Libro de Honra do Concello para selar a súa entrada na historia de Pontevedra.
Pechou o acto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, animando a todos os menores que están agora nas categorías inferiores a seguir o exemplo destes catro deportistas. Sobre a homenaxe, o rexedor quixo facer extensivo este recoñecemento a todos os grandes deportistas da cidade porque "os galegos
sentímonos orgullosos dos nosos deportistas cando compiten polo mundo adiante".