Pontevedra, capital do piragüismo nacional durante 2020

Pontevedra
06 de febreiro 2020

O encoro de Verducido e o río Lérez acollerán diversas competicións de nivel nacional ao longo do ano, incluíndo o gran evento da tempada dos organizados pola Federación Española, o Campionato de España de Sprint Olímpico

Campionato de España 2019 de Novas Promesas de Piragüismo no Pontillón
Campionato de España 2019 de Novas Promesas de Piragüismo no Pontillón / Diego Torrado

A Asemblea Xeral Ordinaria da Real Federación Española de Piragüismo vén de aprobar esta semana o calendario oficial de competicións nacionais para o ano 2020, e de novo Pontevedra aparece como unha das sedes prioritarias.

Grazas ás competicións que se celebrarán no encoro de Pontillón do Castro e no río Lérez o municipio converterase na capital do piragüismo nacional.

Aquí celebrarase de feito o maior evento dos organizados pola Federación Española, o Campionato de España Sprint Olímpico, que regresa así dous anos despois ao Centro Deportivo David Cal Pontillón do Castro de Verducido, tras celebrarse o pasado ano en Trasona, Asturias.

Esta cita, que en 2018 congregou en Pontevedra a 679 deportistas de 85 clubs, está fixada para os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto, coa particularidade de que estarán todas as figuras nacionais a excepción do equipo que participe nos Xogos Olímpicos de Tokyo, xa que a competición na modalidade de piragüismo en augas tranquilas iniciarase en Xapón só un día despois, o 3 de agosto.

Antes, o mes de maio será dunha gran intensidade de competicións coa Copa de España de Maratón no río Lérez (9 e 10 de maio), a Copa España de Sprint Olímpico en Verducido (16 e 17 de maio) e a Copa España Novas Promesas Cadete sobre 1000 metros tamén no Pontillón do Castro (23 e 24 de maio).

Ademais, a Primeira División tanto masculina como feminina da liga nacional de kaiak-polo terá parada tamén en Verducido nas mesmas datas (23-24 de maio).

A toda esta programación hai que engadir a do calendario autonómico impulsado pola Federación Galega de Piragüismo.