Pontevedra, capital da loita: Acollerá o Mundial de Grappling Cadete-Júnior 2022 e o Mundial Júnior 2024

Pontevedra
02 de novembro 2021

A cidade do Lérez foi designada oficialmente este luns pola United World Wrestling como sede de importantes competicións internacionais para os próximos anos. A aposta pontevedresa non queda aí e xa mira cara aos campionatos do Mundo e Europa absolutos de 2025, para os que "presentamos a nosa solicitude", confirma o concelleiro de Deportes, Tino Fernández

Delegación pontevedresa en Belgrado no Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas
Delegación pontevedresa en Belgrado no Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas / Concello de Pontevedra

Grandes noticias deixou para Pontevedra a asemblea da United World Wrestling que se celebrou este luns en Belgrado, onde se disputa o Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas.

Alí atópase unha delegación da Boa Vila para recoller a testemuña como sede dese mesmo Campionato do Mundo o próximo ano, en outubro de 2022, pero é que ademais vai traer de volta no peto a designación como sede de varias grandes competicións para os próximos anos, dentro da aposta decidida do Concello por este deporte co apoio das federacións Española e Galega.

A federación internacional concedeu a Pontevedra a organización do Mundial de Grappling en categorías Cadete e Júnior para o propio 2022 coincidindo coa competición xa concedida previamente e que "supoñerá ampliar a capacidade de organización de Pontevedra en 4 ou 5 días máis, o cal vai facer que durante 15 días sexamos a capital mundial das loitas olímpicas", asegura o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

Pontevedra solicitou ser sede do Mundial e Europeo Absoluto de Loita en 2025

Ademais a cidade do Lérez é a única candidata a organizar o Mundial Júnior de Loitas Olímpicas de 2024, e a aposta non queda aí xa que "aínda están a discutir dentro da Federación Internacional as posibilidades de organización en 2025 de Mundial e Europeo absolutos, e nós presentamos a nosa solicitude", confirma Fernández desde Belgrado.

Na capital serbia o edil estivo acompañado polos presidente das federacións Galega e Española, sinalando o primeiro deles, José Luis  Olazábal, que estas noticias supoñen "a continuación do traballo que levamos facendo durante moito tempo. É un traballo que foi longo pero que está a dar os seus froitos". Pola súa banda o mandatario nacional, Francisco Iglesias, destacou a boa imaxe dada pola cidade en 2019 ao organizar o Europeo Júnior, afirmando que "imos melloralo e vai ser un punto de partida para ser un referente a nivel mundial para que se fagan máis eventos en Galicia e en Pontevedra".

Trátase en cada un dos casos de "competicións que arrastran a máis de 1.000 participantes", destacou o edil de Deportes, o que supoñerá un importante impulso para a cidade ademais dun gran esforzo organizativo, un traballo no que Pontevedra goza de anos de experiencia e que xogou ao seu favor á hora de conseguir o respaldo da United World Wrestling.

A delegación de pontevedresa en Belgrado completárona o adestrador Alexander Kachelaev; o director técnico da Federación Galega, Pablo Pintos; e un técnico do Servizo Municipal de Deportes, David Pérez Araújo.