O segundo e terceiro clasifcado do Grupo I da Segunda RFEF verán as caras este domingo 3 de novembro (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón. Un encontro "de altos voos" entre Pontevedra Club de Fútbol e Real Avilés Industrial.
Así o cualificou este xoves o adestrador granate, Yago Iglesias, para quen se trata dun partido "importante en todos os sentidos" e fronte a "un rival durísimo".
O técnico defendeu que "vai haber no campo 22 futbolistas de moito nivel para a categoría e creo que vai ser moi bo partido", no que esperan dar continuidade ao seu bo momento de resultados e conseguir o cuarto triunfo consecutivo.
Todo nunha semana que, coa suspensión do encontro de Copa do Rei contra o Levante, vaise facer "longa".
No que respecta ao Avilés, Yago Iglesias afirmou que é un club que "desde fai tres ou catro tempadas leva facendo as cousas ben. Gañou o dereito tanto a nivel deportivo como institucional de ser un nome importante na categoría".
Certo é que "a tempada pasada saíulles cruz", rozando o descenso, pero "creo que aprenderon dos erros e reforzáronse moi ben, teñen un plantel longo aínda que teñen baixas por lesión, na que todos os postos están dobrados e con xogadores de moito nivel".
Por todo iso "é desde logo un dos equipos a ter moi en conta dentro da categoría", concluíu o preparador dos pontevedreses.
O encontro fronte ao conxunto asturiano será o primeiro en apenas sete días para os granates, que o xoves día 7 xogarán a eliminatoria aprazada de Copa do Rei e o domingo 10 de novembro visitarán o feudo do Coruxo en liga.