O Pontevedra atáscase en Valladolid e confórmase cun empate

Pontevedra
12 de xaneiro 2025

Os granates gozaron das ocasións máis claras de gol, pero non lograron materializar a súa superioridade. O colexiado mostrou cartón vermello Samu Mayo e non pitou un posible penalti a Xabi

Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra CF
Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra CF / Pontevedra CF

O Pontevedra CF regresou este domingo á realidade co comezo da segunda volta de liga, na que os granates non conseguiron aproveitar a súa condición de líder e deixáronse dous puntos nos Anexos do José Zorrilla ao empatar a cero ante o Real Valladolid Promesas.

Os de Yago Iglesias gozaron das ocasións máis claras de gol, pero non lograron materializar a súa superioridade. Ademais, a expulsión de Samu Mayo na segunda parte complicou as cousas aos visitantes, que se conformaron cun punto que sabe a pouco, pero que lles permite manter o liderado.

O conxunto lerezano arrincou o partido coa intención de facerse co control do xogo, e así o fixo. Levou o peso do encontro durante os 45 minutos, pero custoulle xerar perigo en área dun rival que renunciaba por completo á posesión e dedicábase única e exclusivamente a replegarse e defender.

Con todo, a pesar de ter do dominio, os de Yago Iglesias protagonizaban achegamentos tímidos a área de Aceves. O primeiro deles, cando se cumpriu o minuto dez de partido. Dalisson sacou un centro raso desde a dereita, pero un defensor despexou a córner.

Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra
Partido entre Valladolid Promesas e PontevedraPontevedra CF

Continuou axexando a portaría rival o Pontevedra, pero esta vez foi o gardameta local o que interveu con seguridade para deter un disparo afastado de Yelko aos 15 minutos, e despois para atrapar un remate de cabeza de Pelayo tras un centro a balón parado de Dalisson.

Os minutos pasaban, pero os granates non conseguían imprimir velocidade á circulación e verticalidad ao seu xogo.

Así se alcanzou a recta final do primeiro tempo, e Dalisson volveu ser protagonista, pero o seu disparo de falta directa foise completamente desviado.

Xa no desconto, o Pontevedra gozou da ocasión máis clara até o momento. O balón chegou á banda esquerda e Charly puxo un centro que se paseou pola área sen atopar rematador. Garay apareceu no segundo pau e xutou entre o tres paus, pero Aceves apareceu da nada para lanzarse e evitar de forma maxistral que o esférico entrase na rede.

Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra
Partido entre Valladolid Promesas e PontevedraPontevedra CF

Tras o paso polos vestiarios, o Pontevedra volveu á carga buscando facer dano polas bandas e colgando balóns na área, pero non conseguía abrir o marcador.

A de maior perigo produciuse á hora de xogo. Álex centrou e Charly conectou co esférico, pero o seu disparo deu na madeira.

Instantes despois, chegaron as xogadas que puideron decantar o encontro. Samu Mayo chegou tarde ao balón e derrubou a un xogador do filial valisoletano na súa área. O colexiado mostrou a segunda amarela ao mediocentro granate e deixou ao Pontevedra cun menos sobre o verde.

Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra CF
Partido entre Valladolid Promesas e Pontevedra CFPontevedra CF

Apenas dous minutos despois, Xabi Domínguez foise en velocidade pola dereita e Arco meteu a perna cando entrou na área. O xogador visitante reclamou penalti, pero o árbitro dixo que non había nada.

Estaba a custarlle ao Pontevedra sacar algo positivo do encontro, pero a pesar de estar con dez, tampouco pasaba problemas en tarefas defensivas.

Entrou o duelo na recta final e os granates, ante esa situación, parecían haberse conformado co empate, cedendo a posesión ao seu rival para defender sen apenas sufrimento.

Pero aínda quedaba por disputarse o tempo de desconto, e foi entón cando os de Yago buscaron a sorpresa cun remate de chilena de Álex González que deu no traveseiro. Quixo sumarse á festa Igor, tras un córner, pero Aceves volveu aparecer para amargar a tarde a un Pontevedra, que desaproveita o empate do Numancia e non consegue pór terra polo medio no máis alto da clasificación.

VALLADOLID PROMESAS (0): Aceves, Raúl Chasco, Frimpong, Arnu (Neira, min. 63), Xavi Moreno, Jorge Delgado, Gabriel, Alin (Koke, min 62), Iker Ivorra (Sergi, min. 69), Mario Sesé (Rulo, min. 62) e Arco.

PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Igor, Álex González, Iago Novo, Yelko, Samu, Xabi (Rares, min. 65), Dalisson, Garay, Pelayo e Charly (Héctor, min. 83).

Árbitro: Ibai Rezola Etxeberría (País Vasco), auxiliado nas bandas por Aitor Urízar Díaz e Josue Villaquiran Bidegain. Amoestaron a Sesé (42') no Valladolid Promesas, e a Samu Mayo (22' e 60'), Igor (25') e Garay (32') no Pontevedra.

Incidencias: Partido da xornada 18 de liga na Segunda RFEF disputado nos anexos do Estadio José Zorrilla.