Pontevedra xa traballa na organización dun dos eventos deportivos máis importantes da súa historia, a gran final das World Series de tríatlon, previstas para finais de setembro.
Este xoves tivo lugar a primeira reunión do comité organizador da proba no Concello de Pontevedra e, ao finalizar a xunta, os responsables das institucións implicadas explicaron os primeiros detalles dunha competición que aspira a ser "a mellor final da historia".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de debullar o contido da reunión. Sen poder desvelar aínda detalles específicos sobre o orzamento que manexa o comité organizador, o rexedor sinalou que entre a Copa do Mundo do 2022 e a final das World Series deste ano, o desembolso por parte das institucións organizadores roldará os tres millóns de euros.
Con todo, o retorno que esperan para Pontevedra, a súa comarca e todas as Rías Baixas é infinitamente maior. Ao finalizar a competición, Concello e World Tríatlon realizarán un informe para dar unha cifra exacta do impacto económico da final, pero poñen como referencia a última gran cita en Europa, foi en Róterdan no ano 2018 e o evento xerou 40 millóns de euros. "Agardamos que a nosa sexa aínda maior", declarou Lores, quen lembrou que no 2022 a Boa Vila albergou 25 campionatos do mundo, europa ou España que potencian a actividade económica na cidade e que, na súa maioría, teñen lugar fóra da tempada alta de verán.
O obxectivo do comité organizador é que a final "deixe recordo en todos os triatletas que veñan, como xa ocorreu no Multisports 2019. Por ese éxito, decidiuse traer esta final a Pontevedra por unanimidade", dixo o rexedor.
A organización desta competición non só servirá para posicionar a Pontevedra como referente á hora de albergar grandes eventos deportivos, tamén servirá para reforzar a súa fortaleza como destino turístico. Para esa fin de semana, están previstas numerosas actividades paralelas que levarán a cabo en diferentes concellos das Rías Baixas. Unha delas será a realización de tres etapas do Camiño Portugués.
Sobre o grao de cumprimento dos trámites organizativos, o presidente da Federación Española de Tríatlon, Jose Hidalgo, recoñeceu que "falta todo". Aínda así, recoñeceu que o programa de actividades "é moi atractivo" para toda a comarca e que o nivel de expectativas acerca desta final en todo o circo de tríatlon é "alto" e que as reticencias que podería lastrar a candidatura pontevedresa polo pequeno tamaño da cidade xa quedaron atrás porque "ten outras moitas bondades".
A nivel competitivo, é seguro que a Pontevedra chegarán os mellores triatletas do mundo porque ao ser ano preolímpico, a gran final será a competición que máis puntos conceda para clasificarse para París 2024.
O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, aproveitou o seu discurso para afirmar que Pontevedra ten "capacidade, contorna e medios" para organizar "a mellor final da historia". Ademais, desde a Deputación ven unha oportunidade para fomentar o tirismo deportivo e ofrecer aos triatletas unha experiencia moito máis ampla que só a deportiva. Sobre o investimento inicial, defende Gómez que "o retorno será millonario".
O responsable provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, fixo fincapé no estreito vínculo que une á cidade de Pontevedra con este deporte. Mentres que o recentemente nomeado presidente da Federación Galega de Tríatlón, Javier Campos, asegurou que "Pontevedra é a mellor cidade a nivel nacional para acoller a final porque aquí adestran os mellores triatletas de España".