Pontevedra albergará en xullo unha proba da Copa do Mundo de Tríatlon

Pontevedra
07 de febreiro 2022

O evento servirá de test a nivel organizativo para a Gran Final das Series Mundiais que se organizará na cidade en 2023. A Copa do Mundo terá lugar o día 23 de xullo

Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia
Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia / Xan Xiadas

A Copa do Mundo de Tríatlon aterrará en 2022 en Pontevedra, e é que a cidade do Lérez foi engadida ao calendario desta competición internacional segundo confirmou a Federación Española de Tríatlon.

Trátase dun evento que servirá de test organizativo para a Gran Final das Series Mundiais que se disputará en 2023 na Boa Vila.

"Queremos que nos sirva para axustar todos os circuítos e protocolos de traballo para o ano 2023 onde aspiramos facer a mellor Gran Final e Campionato do Mundo de Paratriatlon", sinalou o presidente da Federación Española, José Hidalgo, contento de que España poida contar con dous eventos do máximo nivel esta tempada "no ano en que comeza o período de clasificación olímpica".

"Estamos encantados de que Pontevedra, que demostrou ser un fantástico anfitrión de múltiples deportes no calendario mundial de tríatlon, agora reciba a algúns dos mellores triatletas do mundo para a Copa do Mundo de Tríatlon deste ano", declarou á súa vez a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), Marisol Casado.

A cita internacional celebrarase o próximo 23 de xullo "transformando a Copa do Mundo nun novo espectáculo para todos os pontevedreses e pontevedresas", confía o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Pola súa banda o edil de Deportes, Tino Fernández, mostrouse "absolutamente convencido de que pasaremos este test cunha nota moi alta e que a confianza depositada pola Unión Internacional de Tríatlon para acoller a Gran Final das Series Mundiais verase aínda máis reforzada tras a proba deste verán".

A Copa do Mundo contará con máis dunha decena de carreiras ao longo de toda a tempada, empezando en Haeundae en Corea a finais de abril para terminar en Miyazaki (Xapón) en novembro.