Pontevedra agarda unha 'invasión' británica durante o ITU Multisport Festival

Pontevedra
12 de marzo 2019

A inscrición de deportistas británicos é mesmo superior á delegación española, con 900 triatletas, duatletas e acuatletas confirmados segundo avanza a organización, o que ofrece unha aproximación da alta participación que se espera durante os diferentes campionatos

Deportista británico no fin de festa do Mundial de Dúatlon de Pontevedra 2014
Deportista británico no fin de festa do Mundial de Dúatlon de Pontevedra 2014 / Diego Torrado

O ITU Multisport Festival de Tríatlon que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio apunta a un éxito histórico de participación.

A organización apuntou no seu momento a estimación de deportistas participantes nos diferentes campionatos en preto de 4.000, unha cifra ao alcance a teor das dúas delegacións que serán das máis numerosas e que xa confirmaron cifras espectaculares.

De feito nin sequera o de España é o equipo máis numeroso ata a data, a pesar de confirmar xa preto de 800 participantes, porque Pontevedra prepárase para vivir unha auténtica 'invasión' británica, país que afai mover a unha gran cantidade de deportistas.

Segundo os responsables do Festival Multideporte son 900 os triatletas, duatletas e acuatletas que se desprazarán desde o Reino Unido ata Pontevedra para participar nos diferentes mundiais previstos, especialmente nas categorías de grupos de idade.

 

A estes números haberá que sumar a participación confirmada de deportistas de países dos cinco continentes, o que converterá Pontevedra en toda unha celebración entre diferentes nacionalidades. Cifras que poden seguir crecendo ata final de mes, cando se de por pechado o período de inscrición.