Pontevedra acollerá en xuño unha proba do circuíto internacional A1 Pádel

Pontevedra
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá a cancha principal dun evento que se desenvolverá do 24 ao 30 de xuño e que contará con actividades paralelas como concertos, charlas, zona de exposición e food trucks

Presentación do Galicia Pádel Master que se vai a celebrar en Pontevedra
Presentación do Galicia Pádel Master que se vai a celebrar en Pontevedra

Ocircuíto internacional A1 Pádel desembarcará este ano en Pontevedra co Galicia Pádel Master. 

O evento, que foi presentado este xoves na Deputación de Pontevedra, desenvolverase do 24 ao 30 de xuño coa súa pista principal habilitada no Pavillón Municipal dos Deportes.

Co Galicia Pádel Master daranse cita na Boa Vila "as mellores figuras do pádel a nivel mundial", defendeu Carlos Conde como promotor do torneo avanzando que paralelemante levarán a cabo diversas actividades para que "isto sexa a festa do pádel".

Eses eventos paralelos van desde charlas e clínics de personalidades do mundo do deporte como Toni Nadal ou Almudena Cid ata unha zona de exposición, zona de foods trucks e tamén concertos, como o que o venres 28 de xuño darán no exterior do Recinto Feiral os grupos Celtas Cortos, La Frontera e La Guardia, co humorisata Jorge Cremades exercendo de DJ.

"Levo moitos anos querendo traer este circuíto a Galicia", recoñeceu o presidente de A1 Padel, Fabrice Pastor, asegurando que Pontevedra compartirá cartel "con cidades como Nova York, Ciudad do Cabo ou Montecarlo".

"O que proba Pontevedra repite, e esta vai ser unha de moitas edicións", avalou pola súa banda o presidente da Deputación, Luis López.

Ademais da instalación da pista principal do torneo profesional no Pavillón Municipal dos Deportes, o Galicia Pádel Master contará con tres pistas máis no interior do Recinto Feiral destinadas a adestramentos e un torneo amateur. No interior do Recinto habilitarase tamén a zona de exposición, mentres que o exterior estará a zona gastronómica.