Poñen á venda 1.200 entradas liberadas para o España-Italia

Pontevedra
29 de novembro 2023

As localidades correspóndense con entradas para a afección visitante liberadas por Italia e tamén por patrocinadores. Poderán adquirirse só en venda física na sede da Real Federación Galega de Fútbol a partir das 16.00 horas deste xoves

Adestramento da Selección Española en Las Rozas
Adestramento da Selección Española en Las Rozas / RFEF

A Real Federación Galega de Fútbol poñerá este xoves novas entradas á venda para o partido da UEFA Women's Nations League do próximo venres 1 de decembro entre España e Italia no Estadio Municipal de Pasarón.

Segundo confirmou o organismo federativo, trátase de 1.200 localidades liberadas das que lle correspondían á afección italiana e tamén a patrocinadores.

As entradas manterán o prezo de 10 euros nos fondos, 12 euros en Preferencia e 15 euros en Tribuna, pero "por operatividade e para evitar posibles problemas de acceso á web", explica a Federación Galega, a venda será nesta ocasión só de maneira física.

Desta forma os afeccionados interesados en conseguir entradas poderán compralas na sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol, xunto ao Estadio de Pasarón, a partir das 16.00 horas.

Só se permitirá adquirir dúas localidades por persoa sendo obrigatorio realizar o pago mediante tarxeta bancaria.