A polo Getafe con ilusión: "Queremos ver até onde somos capaces de chegar"

Pontevedra
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 15:00

A pesar de non enfrontarse a un dos grandes do fútbol español, o Pontevedra Club de Fútbol encaixou con máxima ilusión a designación do Getafe como o seu rival en 1/8 de final de Copa do Rei

Álex González e Jacobo Maestre tras o sorteo de oitavos de Copa
Álex González e Jacobo Maestre tras o sorteo de oitavos de Copa / Mónica Patxot

Unha vez máis o bombo non quixo que un dos grandes do fútbol español visite máis de medio século despois o Estadio Municipal de Pasarón, pero a designación do Getafe como rival para os oitavos de final da Copa do Rei foi recibida igualmente coa máxima ilusión no Pontevedra Club de Fútbol.

O capitán dos granates, Álex González, compareceu en sala de prensa tras o sorteo acompañado do coordinador da secrertaría técnica Jacobo Maestre, afirmando que "unha vez que estamos aquí queremos ver até onde somos capaces de chegar, independentemente do rival que veña".

Será finalmente un Getafe que loita este ano por salvarse do descenso en Primeira División, ocupando actualmente o primeiro posto que daría a salvación (17º), pero non por iso deixa de ser un equipo da máxima categoría.

"A nosa intención é competir, competir contra eles e tentar pasar a eliminatoria", asegura.

Ademais "creo que o feito de chegar até aquí, eliminando o Levante e o Real Mallorca, soamente fai darnos un reforzo positivo, fainos crer máis en nós, crer que somos capaces de gañar a equipos de superior categoría e por que non volver vivir outra noite como as anteriores en Pasarón", defendeu Álex.

O extremo do Pontevedra desexa ademais que "o estadio se volva a encher", e que sobre todo "ao terminar esteamos todos orgullosos, pase o que pase".

"O que nos levou até aquí é o crer en nós mesmos, no traballo que facemos, e xogamos na nosa casa, coa nosa xente, onde somos fortes, que é por onde pode pasar a eliminatoria", concluíu o capitán.

Tamén Jacobo Maestre mostrou optimismo co cruve afirmando que "seguimos crendo" aínda que reivindicando que "xa só o feito de chegar onde estamos é un orgullo".