La Vuelta Ciclista a España regresará a Galicia en 2024 tras dous anos de ausencia, e aínda que ten previsto pasar pola provincia de Pontevedra en Poio xa se pensa e se traballa coa vista posta nas seguintes edicións.
Segundo puido saber PontevedraViva a aposta do goberno local pasa por tentar pechar coa empresa organizadora de La Vuelta, Unipublic, ser escenario dunha saída ou chegada dunha das etapas da rolda de ser posible xa en 2025, na súa 80ª edición.
De conseguirse a intención é promocionar a través do deporte puntos destacados do municipio como o centro histórico de Combarro ou o valor patrimonial da Illa de Tambo.
Cabe destacar que en 2022 Poio xa foi punto de saída da Volta a Galicia, cunha saída neutralizada desde o propio Combarro para deterse despois en Lourido fronte á nave da empresa Froiz e render unha sentida homenaxe ao por entón recentemente falecido Magín Froiz, pola súa aposta durante máis de tres décadas por contar co seu propio equipo ciclista no pelotón elite e sub-23.
Aínda que o obxectivo é ambicioso existe confianza en poder conseguir colocar a Poio no mapa de La Vuelta cunhas negociacións que deben intensificarse nos próximos meses, antes mesmo de que a carreira ciclista dispute a súa próxima edición en 2024, pero que dependen doutros factores como os plans globais de Unipublic para a carreira.
Neste sentido a 79ª edición de La Volta presentará o seu percorrido o próximo 19 de decembro en Madrid, aínda que hai detalles que xa transcenderon e foron confirmados, como a súa saída en Lisboa o 17 de agosto e o seu regreso a Galicia con, entre outras, unha contrarreloxo que se celebrará en Padrón.
Ademais a caravana ciclista ten previsto atravesar as estradas da provincia, pero todo apunta que con maior protagonismo da zona sur.