É oficial. Poio será protagonista en 2025 da Vuelta Ciclista a España.
A rolda ciclista por etapas, presentada este xoves en Madrid, confirmou que unha das súas etapas da próxima edición partirá desde Poio.
Péchase así unha longa negociación, pois o interese do Concello por tentar ser saída ou chegada de La Vuelta vén de lonxe, de fai máis dun ano, tal e como avanzou no seu momento PontevedraViva.
La Vuelta regresará desta forma á comarca, tras varios anos de asuencia, e é que aínda que en 2024 si incluíu a Galicia no seu percorrido, a xornada na provincia de Pontevedra transcorreu polo sur entre Ponteareas e Baiona.
Nesta ocasión co punto de saída preténdese lucir o valor de Combarro e o seu centro histórico nun dos grandes eventos deportivos do país, así como a Illa de Tambo.
Cabe lembrar que Poio xa foi en 2022 punto de saída da Volta a Galicia, cunha saída neutralizada desde o propio Combarro para deterse despois en Lourido fronte á nave da empresa Froiz rendendo homenaxe ao por entón recentemente falecido Magín Froiz.
Nesta ocasión o percorrido da xornada, a etapa 16 de competición xa en pleno sprint final da carreira, incluirá catro cotas de montaña puntuables e terá a meta situada en Mos, no alto de Castro Herville.
Serán 172 quilómetros de percorrido, pasando no seu inicio o pelotón por Pontevedra e Arcade no seu camiño cara ao sur da provincia.
Ademais a competición ciclista contará con outras dúas xornadas en Galicia, unha con meta en Monforte de Lemos (etapa 15) e a outra con saída no Barco de Valderorras (etapa 17) para abandonar a comunidade en dirección a Ponferrada.
A Volta 2025 partirá en 2025 desde Italia o día 23 de agosto e finalizará en Madrid o día 14 de setembro.