Poio Pescamar e Waterpolo Pontevedra, unidos pola promoción e sensibilización do deporte feminino

Poio
15 de novembro 2024

Os dous clubs participarán esta semana nos seus respectivos partidos de liga na campaña promoción e sensibilización do deporte feminino que promove a Secretaría Xeral para o Deporte

O Waterpolo Pontevedra participa nunha campaña polo 25N
O Waterpolo Pontevedra participa nunha campaña polo 25N / Club Waterpolo Pontevedra

O deporte pontevedrés fai fronte común para promover a igualdade de xénero.

Coincidindo cunha nova xornada deportiva e cos seus partidos de liga como local, tanto o Poio Pescamar como o Waterpolo Pontevedra participarán na campaña promoción e sensibilización do deporte feminino que promove a Secretaría Xeral para o Deporte coincidindo co próximo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Ambos os dous clubs presentaron a súa participación nesta acción, que pretende entre outras cousas visibilizar o deporte feminino, promover a igualdade de xénero no deporte e erradicar a violencia de xénero no deporte e en toda a sociedade.

No caso do Poio Pescamar a actividade coincidirá cun partido de altos voos, xa que este sábado 16 de novembro recibirá no pavillón da Seca (18.30 horas) o líder e invicto Futsi Atlético Navalcarnero.

A cita foi presentada esta semana con presenza da presidenta do club, Olalla Folla, xunto ás tres capitás da pantilla conserveira Irene, Martita e Elena Aragón.

Para lograr unha maior participación na campaña o Poio Pescamar enviou invitacións a colectivos veciñais para que acudan ao choque.

O Poio Pescamar participa na campaña polo 25N
O Poio Pescamar participa en cámpanãa polo 25N Poio Pescamar

Pola súa banda o Waterpolo Pontevedra buscará estrear a súa conta de vitorias esta tempada na Primeira Nacional Feminina tras quedar moi preto de conseguilo a anterior xornada de competición. Farao cun duelo no Complexo Deportivo Rías do Sur contra o Leioa Waterpolo o sábado (16.30 horas).

No caso do equipo pontevedrés a súa participación na campaña da Secretaría Xeral para o Deporte presentouse nun acto coas xogadoras do plantel e tamén co apoio do presidente da Fundación Rías do Sur, Serafín Piñeiro.

O Waterpolo Pontevedra, para promocionar o seu deporte e os obxectivos da acción de sensibilización e promoción, fará que nenas de diferentes equipos galegos desfilen na piscina nos momentos previos ao choque portando unha pancarta coa lema de 'Non á violencia de xénero'. Ademais púxose en marcha unha captación de deportistas femininas para todas as categorías do club e vanse a pór en marcha visitas a centros escolares para dar a coñecer o waterpolo entre nenos e nenas da cidade.