O Poio Pescamar salva un empate contra o Alcorcón

Poio
07 de decembro 2024
Actualizado: 20:02

O equipo conserveiro, penalizado polos seus propios erros, chegou a estar 1-3 abaixo no marcador, pero logrou igualar para manterse na pelexa polo cuarto posto que dá acceso ao play-off

Partido entre Poio Pescamar e Melilla Torreblanca na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Melilla Torreblanca na Seca /

Empate agridoce para o Poio Pescamar nun duelo clave na pelexa por repetir presenza no play-off polo título.

O conxunto conserveiro (chegaba quinto na clasificación) recibía na Seca o equipo que precisamente ocupaba a cuarta posición a 4 puntos de distancia, o AD Alcorcón.

Co obxectivo de vencer e recortar a súa desvantaxe saltou á pista o equipo rojillo, tentando marcar a pauta e o ritmo do choque.

Ale de Paz probouno nunha xogada de estratexia, pero o seu disparo acabou en córner, e á saída do saque de esquina unha perda propiciou unha contra que acabou no 0-1. Vane Sotelo encarou a portaría conserveira e bateu por baixo a Elena. Era o minuto 8.

Por sorte para as locais o empate tardou menos de dous minutos en chegar. Fíxoo cun potente disparo de falta de Chuli, que se coou pegado ao poste.

Rocío Molina contou cunha ocasión inmellorable para facer o 2-1 á saída dun saque de esquina, pero non embocó con todo a favor. Tampouco logrou definir Élia nunha boa transición, e en lugar de traducir o seu dominio en vantaxe no marcador unha acción desafortunada castigou de novo ás xogadoras adestradas por Luís López-Tulla.

Laura Uña tentou despexar, o balón pegou nunha rival e foise aparantemente manso aos dominios de Elena. A gardameta con todo fíxose unha lea e introduciu sen querer o coiro na súa propia portaría.

Cun duro 1-2 chegouse ao descanso, penalizado o Poio en exceso polos seus propio erros, e tras a continuación non se rendía o conxunto conserveiro. Tampouco o fixo tras verse golpeado unha vez máis polo seu rival, esta vez sen erro polo medio. Ju Delgado protagonizaba unha boa xogada que Laura remachaba no segundo pau ampliando a vantaxe.

O partido púñase moi costa arriba, e cada vez con menos tempo, polo que desde o banco López-Tulla apostou polo xogo de cinco a falta de algo máis de 10 minutos para o final.

A aposta saíulle ben. Foi precisamente Chuli actuando coa camiseta de porteira a que aproveitaba o rexeite a un tiro de Laura Uña para poñer o 2-3, e Laura Uña conseguía o empate con tres minutos aínda por diante.

O Poio Pescamar mantiña a aposta na busca do triunfo, e rozouno Candela xa só cuns segundos por diante, pero non acertou e os dous equipos terminaron por repartir os puntos en xogo.

Combate nulo que deixa sen cambios a pelexa polo play-off e que volverá repetirse en poucos días pero en Copa da Raíña, cun billete para a fase final do torneo en xogo.

Consulta aquí a acta do partido de liga entre Poio Pescamar e AD Alcorcón.