Excesivo castigo para o Poio Pescamar na súa visita ao Ourense Ontime.
O conxunto conserveiro traballou e pelexou para sacar algo positivo do encontro, pero finalmente terminou caendo por 4-3.
E iso que o equipo adestrado por Luís López-Tulla foi o primeiro en adiantarse no marcador tras unha gran transición ofensiva. Rocío Molina abriu á dereita a Candela e esta centrou a Laura Uña, que finalizou entre os paus para subir o 0-1.
Con todo, a alegría durou pouco ao Poio Pescamar, que pronto se viu sometido por un rival que estaba disposto a ir a pola vitoria. Raquelilla xutou e Sara Moreno cazou o rexeite para devolver as táboas ao marcador.
Repetiu cita co gol a xogadora local instantes despois tras un saque de esquina, facendo así o 2-1 co que se alcanzou o descanso.
Tocoulles aplicarse en defensa aos dous conxuntos, que tiveron serias opcións de volver anotar, pero era a porteira visitante a que se atopaba máis sometida e tiña que empregarse máis a fondo para evitar o tanto rival.
Pero Sandra Buzón nada puido facer para deter o libre directo de Rafinha. A xogadora do Ourense Ontime xutou a media altura e aloxou o esférico na portaría visitante.
Tras o tanto, o técnico do Poio non dubidou en optar polo xogo de cinco con Carmen como porteira xogadora para así reverter a situación. E o cambio na ofensiva non tardou en dar os seus froitos, subindo Candela o 3-2 para apertar o resultado.
Seguiu insistindo o equipo visitante e atopou o seu premio por medio de Ale de Paz, que aloxou o esférico na escuadra e empatou o partido.
E de novo a alegría volveu desaparecer nas filas do cadro rojillo, condenado por un erro na entrega de balón que se traduciu nun contragolpe de Marta e o seu posterior disparo a porta buxán co que fixo o 4-3 final.
Tentou o Poio Pescamar atopar ocos e sacar algo positivo do encontro, pero o Ourense Ontime pechouse en defensa e evitou calquera mínima opción do rival para deixar os 3 puntos en Vos Remedios.
Consulta a acta neste enlace