O Poio Pescamar celebra o ascenso do seu filial

Poio
13 de marzo 2025

O equipo sénior feminino 'B' da entidade conserveira xogará a próxima tempada na Preferente Galega, chanzo previo á Segunda División Nacional

Filial do Poio Pescamar
Filial do Poio Pescamar / Poio Pescamar FS

Felicidade no Poio Pescamar pola boa marcha do seu segundo equipo sénior feminino.

O filial conserveiro asegurou, a unha xornada para o final da competición, o seu ascenso de categoría.

Con 34 puntos e unha única derrota en 15 partidos, o equipo adestrado por Bea Mateos e Ale de Paz certificou a primeira posición de maneira matemática sen saltar á pista.

Tocáballe xornada de descanso, pero a derrota do Marín Futsal B contra o Tenorio aseguroulle o primeiro posto a falta da última data do campionato.

Desta forma o Poio Pescamar B xogará a próxima campaña na Preferente Galega.

Trátase do chanzo previo á Segunda División Nacional e a só dous banzos por tanto do primeiro equipo.

Na última xornada de liga o filial vermello poderá festexar este logro coa súa afección, xa que recibirá o Bueu na Seca este domingo 16 de marzo (16.00 horas).

Unha vez finalizada a liga, o Poio B porá tamén as súas miras na Copa de Primeira Futgal, competición que gañou a pasada tempada.