Na tempada do seu 25 aniversario o Poio Pescamar fixo historia xa clasificándose para o play-off polo título de liga por primeira vez, pero o equipo vermello quere máis, quere estar na gran final.
Para iso as xogadoras adestradas por Luís López-Tulla deberán superar un vello coñecido como o Burela, ao que se mediron xa en catro ocasións esta campaña, nunha serie ao mellor de tres encontros e co factor cancha a favor que dará comezo este próximo sábado 3 de xuño no pavillón da Seca (18.30 horas).
O Poio completou a mellor tempada regular da súa historia, sendo segundas con 75 puntos e a só dous do liderado do Futsi Atlético Navalcarnero, como equipo da liga que menos derrotas encaixou, unha, e que chegou na segunda xornada de competición alá polo mes de setembro precisamente na cancha do Futsi. Ademais empatou 6 duelos e gañado os 23 restantes grazas sobre todo a unha fortaleza defensiva que lle fixeron ser o equipo menos goleado do campionato (34 goles en contra polos 43 de Futsi e os 59 de Burela).
No que respecta a o seu próximo rival, o outrora inalcanzable Burela, historicamente foi unha particular besta negra, pero esta campaña a igualdade foi máxima entre ambos os dous.
Ata catro veces cruzáronse no presente curso, cun empate en pretempada e na primeira volta de liga na Mariña e triunfo de Burela en Copa Galicia. O desquite chegou o pasado sábado no duelo da última xornada de liga no que o Poio venceu por 2-1 para facerse co factor cancha nas semifinais polo título.
En toda a historia de ambos os dous clubs, Poio Pescamar e Burela viron as caras en competición oficial en 24 ocasións, con só 3 triunfos vermellos, 4 empates e 17 vitorias luguesas.
Os únicos triunfos das da Seca producíronse en liga na tempada 16-17 (2-0 na Seca) e na final da Copa Galicia 2018 (4-5). Claro que esta tempada a historia está a ser ben diferente. Unha campaña por certo na que o Burela Pescados Rubén xa tocou títulos, ao ter conseguido a Supercopa de España, a Copa da Raíña e a Copa Galicia.