O Concello de Poio traballa na elaboración de protocolos para utilizar as instalacións deportivas de titularidade municipal e así llo manifestaba a concelleira de Deportes, Marga Caldas, a representantes de clubs e entidades deportivas coas que mantivo un encontro telemático nas últimas horas.
A intención é establecer todas as garantías en canto a medidas hixiénicas e de seguridade tanto para as persoas que utilizan as instalacións como para o persoal encargado do mantemento.
Marga Caldas espera que a próxima semana Galicia entre en fase 3 do proceso de desescalada e, por tanto, a partir do luns 8 de xuño varios clubs tentarán retomar a actividade. Por este motivo, desde o goberno local de Poio están a analizarse as necesidades de cada modalidade deportiva para establecer pautas atendendo ao que marcan as autoridades sanitarias.
Xa se atopan abertas, a medida que se ía avanzando de fase, as pistas de tenis de Monte Baldío en Raxó do mesmo xeito que a nave de piragüismo de Combarro. Desde o Concello tamén se lembra que a suspensión das Escolas Deportivas durante este curso conlevará un desconto proporcional nas cotas da próxima tempada e esa contía será asumida con fondos do Concello.
Tamén anunciou que se aplicarán descontos para aquelas persoas que utilizan o ximnasio da Seca e xa pagasen a cota do mes de marzo.