Os campos da Reiboa e A Seca, en Poio, prepáranse para vivir unha xornada especial o vindeiro sábado 15 de abril (desde as 11.00 horas) ao abrirse a un deporte que ata o de agora non contou con implantación no municipio.
As instalacións deportivas municipais serán escenario dunha xornada de Concentración de Escolas de Rugby de Galicia, na que está prevista a participación de preto de 400 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos federados nos diferentes clubs da comunidade.
Na xornada, organizada polo Pontevedra Rugby Club, confirmaron a súa participación o Mareantes Rugby Club, Campus Ourense RC, Fendetestas RC, Ferrol RC, Asociación Valentes de Santiago, Zalaeta RC, Capóns Vilalba RC, Astérix de Viveiro, Muralla RC, CRAT A Coruña, Lalín RC, Os Ingleses de Vilagarcía e Universidade de Vigo.
Será unha ocasión para dar a coñecer o deporte do balón oval en Poio mentres os xóvenes deportistas gozan de sesións de convivencia e formativas que finalizarán co tradicional terceiro tempo.