Poio abre o prazo de inscrición nas súas escolas deportivas municipais

Poio
19 de setembro 2024

Ofértanse actividades en 14 modalidades deportivas: fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, triatlón-duatlón, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, kaiak-polo, atletismo, kick-boxing e rugby

Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo
Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo /

O Concello de Poio informa da apertura do prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais, cuxa actividade dará comezo no mes de outubro.

Ofértanse nesta ocasión actividades en 14 modalidades deportivas: fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, tríatlon-dúatlon, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, kaiak-polo, atletismo, kick-boxing e rugby.

Opcións coas que segundo o edil de Deportes, Tucho Muíños, animar á participación de nenas e nenos xa que "hai unha oferta ampla pensada para que gocen do seu tempo de lecer de xeito saudable e educativo".

A administración local subvencionará 100 euros da inscrición por cada neno.

Todas as opcións e información, así como o proceso para anotarse, pode consultarse na web municipal.

Segundo explica o Concello, durante todo o curso os participantes da escola de rugby adestrarán no campo da Reiboa, igual que o club de atletismo que combinará A Seca co CEIP Isidora Riestra. Ademais o kaiak-polo e o piragüismo terán lugar na nave de deportes náuticos de Combarro, as escolas de tenis no pavillón de Lourido, o baloncesto no colexio Los Sauces, o tríatlon nas pistas de atletismo da Reiboa, o balonmán nos pavillóns da Seca, Lourido e do CEIP Isidora Riestra, o fútbol sala no IES Poio e nos pavillóns de Lourido e A Seca, o fútbol no campo da Reiboa e a ximnasia rítmica no CEIP Isidora Riestra, IES de Poio, o CC Xaime Illa ou o pavillón da Seca.