O plantel do Pontevedra confía no plan: "Imos seguir xogando ao mesmo"

Pontevedra
09 de outubro 2024
Actualizado: 15:09

"O ano pasado a estas alturas estabamos peor e acabamos dependendo de nós até o final, así que temos que ter tranquilidade", defendeu este mércores en rolda de prensa o futbolista granate Chiqui

Chiqui, no partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Chiqui, no partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón / Cristina Saiz

Borrón e conta nova no plantel do Pontevedra Club de Fútbol tras o inesperado tropezo sufrido na casa fronte ao Marino.

Os futbolistas granates seguen a confiar no plan trazado desde o banco. Así o asegurou este mércores en rolda de prensa Chiqui, afirmando que "dentro do que cabe estamos tranquilos pero en alerta, porque as balas de tropezar xa case están ocupadas, pero confiando no equipo, os xogadores e para adiante".

"Quedan moitísimas xornadas, si mal non lembro o ano pasado a estas alturas estabamos peor e acabamos dependendo de nós até o final, así que temos que ter tranquilidade, ir facendo os nosos partidos. Esta derrota a confianza que temos en nós non a vai quitar, seguimos a traballar e imos seguir xogando ao mesmo porque nos leva a ser bastante superiores ao rival. Tarde ou cedo, cando acabas finalizando tanto e sendo tan superior ao rival ten que caer da nosa parte", defendeu o extremo.

Chiqui analizou tamén a dificultade que en ocasións expoñen os rivais con plantexamentos ultradefensivo, porque "veñen aquí e meten dúas liñas de seis e catro. É difícil pero estamos a traballar niso, en crear superioridades por fóra".

Por todo iso, aínda que asegura que o vestiario está "amolado" polo sucedido o xogador do Pontevedra afirma estar xa "coa cabeza nova, pensando no partido do sábado que é importante".

Con respecto a ese duelo fronte ao Escobedo "imos a un campo no que non estamos afeitos xogar, de herba artificial, pero vimos dun partido moi serio en Langreo, tendo o balón, creando ocasións, coa portaría a cero e hai que seguir nesa liña", sinalou.

O extremo referiuse tamén á súa posición esta tempada no terreo de xogo alternando minutos en ambas as dúas bandas, unha situación que "desde o principio díxome o míster" e que busca contrarrestar "que ao final o ano pasado os últimos partidos os equipos tíñannos moi traballados e sabían que faciamos perigo pola esquerda. Así no momento que xogas media parte en cada lado o outro equipo desestabilízase, tes máis espazos.. Pero eu síntome ben e onde me diga o míster vou xogar, sinto cómodo nos dous lados", concluíu o futbolista.