Piragüismo Verducido e Fluvial de Lugo, vencedores da Copa Galega Sprint no Pontillón

Pontevedra
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O encoro de Verducido albergou a Copa Galega Sprint 2024, un evento que contou coa participación de 378 deportistas procedentes de 27 clubs

Copa Galega Sprint de Piragüismo en Verducido
Copa Galega Sprint de Piragüismo en Verducido

O encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, albergou a fin de semana a Copa Galega Sprint 2024, un evento que contou coa participación de 378 deportistas procedentes de 27 clubs.

Foi unha xornada intensa de competición desde as 10.00 ata máis aló das 18.00 horas, na que triunfou o club local, o Piragüismo Verducido, xunto ao Fluvial de Lugo.

O Verducido impúxose na clasificación xeral feminina con 175 puntos, seguido polo Club Kayak Tudense en segundo lugar con 166 puntos e o Club Piragüismo Cidade de Lugo terceiro con 157 puntos.

En canto á clasificación masculina, estivo liderada polo Club Fluvial de Lugo con 245 puntos, seguido polo Club Piragüismo Vilaboa en segunda posición con 211 puntos e o Club Ría de Betanzos en terceiro con 195 puntos.

Ambos os dous clubs repetiron resultado en categoría junior, co Piragüismo Verducido primeiro na clasificación feminina con 184 puntos e por diante de Club Ría de Betanzos e Club Kaiak Tudense, mentres que o Fluvial dominou o apartado masulino con 306 puntos seguido do Club de Mar Ría de Aldán e As Torres Romaría Vikinga.

Algúns resultados destacados a nivel individual foron os triunfos de Antonio Palmas e Diego Castro do Piragüismo Vilaboa no K-2 1.000 metros, o de María Villaverde e Noa Conde do Piragüismo Ciudad de Pontevedra no C-2 200 ou o do K-4 masculino do propio Piragüismo Verducido.