Piden axuda para "encher o maleteiro" de material solidario antes de percorrer Marrocos na súa C-15

Barro
25 de setembro 2024

Lois Filgueira e Sergio González forman o Lume Raid Team e prepáranse para afrontar toda unha aventura, o Chatarras Raid co que percorrerán en novembro Marrocos a bordo da súa furgoneta C-15. Antes, piden axuda para recadar material escolar e produtos non perecedoiros do 11 ao 13 de outubro no Restaurante Meli de Barro

Lois Filgueira e Sergio González, durante un raid
Lois Filgueira e Sergio González, durante un raid /

Lois Filgueira e Sergio González forman o Lume Raid Team, un equipo que se prepara para afrontar toda unha aventura, o Chatarras Raid co que percorrerán en novembro Marrocos a bordo da súa furgoneta C-15.

Serán seis etapas polos lugares máis emblemáticos do país africano nas que pretenden deixar ademais unha gran dose de solidariedade.

Por ese motivo piden axuda para "encher o maleteiro" da súa emblemática furgoneta con material escolar e produtos non perecedoiros.

"Xuntos podemos levar esperanza a quen máis o necesitan", aseguran.

Por todo levarán a cabo unha recollida de material do 11 ao 13 de outubro no Restaurante Meli de Barro, e ademais o propio domingo día 13 achegaranse coa súa C15 ata o recinto feiral da localidade para o que todo o que o desexe coñeza a furgoneta de preto, así como os detalles das súas aventuras.