Viaxe ao pasado do Pontevedra que despide o ano da peor maneira posible, goleado e superado polo pechacancelas. O Sanse, cun xogo e calidade que non se corresponde coa súa posición na táboa clasificatoria, foi superior ao conxunto granate desde o primeiro minuto de partido e só a súa fraxilidade defensiva puido custarlle un desgusto. Os de Pouso, que lonxe de Pasarón volveu optar por un dobre pivote con máis músculo que calidade, evidenciaron de novo defectos que parecían superados. Erros defensivos nos primeiros minutos de xogo que poñen o partido costa arriba, falta de ideas na construción, así como presión tardía e ineficaz, fixeron imposible despedir o 2019 desde a zona nobre da clasificación.
O partido puido poñerse de fronte para o Pontevedra moi pronto. Nacho López agarrou o balón na banda dereita e cunha galopada plantouse en liña de fondo, levantou a cabeza, viu a Romay só no pico da área, púxolle un pase raso que Pedro Vázquez deixou pasar e o mediapunta disparou ao primeiro toque un balón colocado que se estrelou no traveseiro da meta defendida por Irureta.
Tivo outra opción o de Malpica de adiantar aos granates. Bustos puxo un centro ao corazón da área e alí apareceu Romay para peitear o balón cara a portería, pero alí estaba ben colocado o meta local para evitar de novo o tanto do coruñés.
Non pasaran nin cinco minutos e o Pontevedra xa podía levar dous goles de vantaxe. Pero era unha fantasía porque o Sanse apropiouse rapidamente do balón, do xogo, das ocasións e dos goles. Os granates eran incapaces de gañar os duelos individuais e chegaban sempre tarde á presión, o que permitiu a escadra local superar liñas e chegar con perigo á área en múltiples ocasións. E de non ser porlas intervencións de Edu Sousa, o desenlace do partido tería sido moito máis traumático.
O enésimo erro defensivo dos granates esta tempada permitiu a Joel Rodríguez adiantar aos seus. Unha vez máis, un centro inofensivo desde liña de tres cuartos causa o caos na zaga granate. Campillo perde a marca, Jaouad non acode á axuda e o dianteiro local, só no punto de penalti, cabecea a pracer ao interior da portería dun Edu descolocado, no que foi o seu único erro do encontro. Un pesadelo recorrente no Pontevedra, que volvía ter que remar en contra cando non se cumpriu nin o minuto 10 de partido.
Demostraran os de Pouso que saben reaccionar diante da adversidade, pero esta vez non ía ser así. O Pontevedra sufría sen balón e o Sanse, gozaba con el. Así chegou o segundo tanto pasado o primeiro cuarto de hora de partido. Os madrileños moveron o balón dun lado ao outro do campo sen que os granates puidesen facer nada por recuperalo. Raúl recibiu na lateral da área, sentou a Campillo cunha bicicleta de primeira división, gañou liña de fondo e cando todos pensaban que ía buscar o pase, cruzou o balón ao segundo pau, case sen ángulo, para aloxalo no interior da meta de Edu.
Tentou reaccionar o conxunto pontevedrés cunha boa parede entre Alex González e Romay, pero o centro do cántabro desde liña de fondo non puido convertelo en gol Adighibe. O dianteiro nixeriano tivo outra clara ocasión á media hora. Plantouse só diante de Irureta pero non conseguiu rematar, aínda así o balón saíu rebotado cara a portería, pero o meta vasco conseguiu atallalo sobre a liña de gol.
Pero aínda máis clara foi a de Queijeiro, o exgranate recibiu o balón só ao bordo da área pequena, tivo todo o tempo do mundo para disparar, e cando a bancada xa celebraba o terceiro, Edu sacou unha man milagrosa para salvar aos seus. Á contra puido recortar diferenzas o Pontevedra, pero unha vez máis Irureta gañoulle a partida a Adi no man a man. O córner mal sacado do Pontevedra converteuse nunha contra letal do Sanse. Raúl plantouse diante de Edu, que volveu evitar a sentenza.
Tras o paso por vestiarios, os granates puideron meterse no partido, pero a volea de Pedro Väzquez na interior da área non atopou portería. Si que o fixo o cabezazo de Fer Ruiz aos cinco minutos da continuación para deixar o partido máis que encarrilado. Pipe Sáez volveu poñer un centro medido desde a esquerda ao segundo pau que o dianteiro local, que substituíra ao lesionado Joel Rodríguez, converteu no terceiro tanto do Sanse. Uns minutos antes Edu desbaratara de forma milagrosa outro contragolpe dos locais ao taponar o disparo de Julio Delgado.
Obrigado polo avultado do resultado, o Pontevedra tivo que dar un paso á fronte. Pouso moveu o banco en busca dunha reacción. Javi Pazos substituíu a un desacertado Adighibe e, á hora de partido, Álex Fernández relevou a Mejía, que tampouco estaba a realizar o seu mellor partido. A pesar de elevar a presión, os granates eran incapaces de xeral ocasións e o Sanse seguía sendo unha ameaza no contragolpe.
E por se a misión non era xa imposible, Pedro Väzquez borrouse do partido ao reaccionar a unha perda de balón no córner do campo rival cunha patada sen sentido por detrás sen posibilidade de recuperar o coiro. Cartón vermello directo. Indiscutible.
Con espazos, o Sanse estaba a gozar. E o Pontevedra, exasperado. Nun novo contraataque chegou o cuarto para delirio da inchada local. Mario Hernández conduciu o balón sen oposición ata a media lúa da área, levantou a cabeza e viu como Raúl estaba só, deulla e o extremo, con toda a calma e o tempo do mundo, bateu a Edu cun sutil disparo raso ao pau curto.
O Pontevedra, que seguiu tentando con máis corazón que cabeza unha remontada inviable a pesar da fraxilidade defensiva demostrada polo Sanse durante todo o encontro, conseguiu maquillar o resultado cun cabezazo de Jaouad á saída dun corner sacado por Álex Fernández.
Entre as notas positivas nun encontro para esquecer están o debut do dianteiro canteirán Martín Diz, que substituíu a un desaparecido Álvaro Bustos no minuto 77; e a situación clasificatoria do equipo, que despide o ano a un punto do playoff, despois dun comezo de temporada moi irregular.
FICHA TÉCNICA
Sanse: Irureta; Pipe Sáez, Bijimine, Valverde (Carlitos, min. 80), Mario Hernández; Gullón, Galindo, Queijeiro, Julio Delgado (Emana, min. 82), Raúl, Joel Rodríguez (Fer Ruis, min. 42)
Pontevedra: Edu Sousa, Álex González, Jaouad, Campillo, Nacho López, Sana, Mejía (ÁLex Fernández, min 60), Romay, Álvaro Bustos (Martín Diz, min. 77), Pedro Väzquez, Adighibe (Javi Pazos, min. 53)
Goles: 1-0, min. 6, Joel Rodríguez. 2-0, min, 17, Raúl. 3-0. min. 51, Fer Ruiz. 4-0, min. 76, Raúl. 4-1, min. 84, Jaouad.
Árbitro: Morales Moreno (colegio andaluz) amonestou a Mario Hernández, do Sanse; e a Adighibe, do Pontevedra. Expulsou a Pedro Vázquez (min. 70), do Pontevedra.
Incidencias. Partido correspondente á xornada 18 do Grupo I de Segunda B disputrado no estadio municipal Matapiñonera.