Calquera homenaxe queda curto á transcendencia da figura de Maite Méndez para o deporte pontevedrés, pero o Club Baloncesto Arxil quixo render triubuto á que foi a súa adestradora e alma máter cun torneo ao que convidou a grandes equipos de España e Portugal.
A punta de lanza será o Perfumerías Avenida salmantino, múltiple campión da liga Feminina e cunha Euroliga no seu palamarés, xunto ao Ensino de Lugo, un dos equipos galegos que milita na máxima categoría do baloncesto feminino nacional.
Completal o cartel do torneo o propio Club Baloncesto Arxil e o AD Sanjoanense portugués.
O I Memorial Maite Méndez disputarase o vindeiro domingo 15 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, con entrada de balde para o público, empezando ás 16.00 horas co duelo entre Arxil e Sanjoanense e finalizando co Avenida-Ensino (18.30 horas).
"Creo que é a mellor homenaxe que se lle pode facer a Maite", defendeu desde o Arxil na presentación Lino Vázquez, avanzando que se colocarán postos de recadación en beneficio da asociación ADIMA de loita contra o cancro.
Ademais "a seguinte fin de semana, o día 21, virá o Spar Gran Canaria a xogar ás 19.30 no CGTD e o domingo xogarán Gran Canaria e Celta", confirmou o directivo arxilista.
Unha homenaxe pensada con agarimo cara a "unha persoa que deixou unha pegada impresionante, en todo o deporte e en todo o deporte feminino de Pontevedra, e que merece que a recordemos", defendeu na presentación o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ao vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.