O soño de meterse por terceiro ano consecutivo na final a oito da Copa da Raíña segue vivo para o Marín Futsal.
O conxunto marinense superou este xoves a elminatoria de 1/16 de final do Torneo do K.O. e xa está a só unha rolda da fase final, aínda que iso si tivo que suar o seu pase.
Ata a localidade asturiana de Villaviciosa desprazouse o equipo adestrado por Ramiro Díaz para medirse ao Rodiles FSF, equipo da Segunda División que soñou con dar a badalada en varias fases do encontro.
Foi o Marín o que levou a iniciativa do marcador nun inicio fulgurante cun rápido dobrete de Ana Cunha, no minuto 3, pero as locais non se desanimaron e pasado o ecuador do primeiro acto xa igualaran o marcador. Fixérono tamén para chegar ao descanso con 3-3 neutralizando o terceiro tanto de Ana Cunha.
A brasileira estaba en estado de graza, e tras o paso por vestiarios volvía ver porta en dúas ocasións consecutivas poñendo o 3-5 no electrónico no minuto 21. Podía paracer que aí se ía a terminar a resistencia astuariana, pero nun calco do sucedido na primeira metade volvían facer dano á defensa marinense chegando a empatar 5-5 aos 29 minutos.
O pase estaba no aire, pero o Rodiles non chegou a completar a remontada e o final de partido fíxoselle longo, momento no que o Marín Futsal terminou por sentenciar con goles de María Estévez, Café e Débora Lavrador para o definitivo 5-8.