Pelayo Suárez "xa está en condicións de entrar en convocatoria"

Pontevedra
08 de novembro 2024

O adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias, recoñeceu que a última fichaxe do equipo pode ser a principal novidade da lista para o choque ligueiro fronte ao Coruxo no Vao

Pelayo Suárez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Pelayo Suárez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra Club de Fútbol mira cara ao seu próximo partido de liga, este domingo 10 de novembro (19.00 horas) fronte ao Coruxo no campo vigués do Vao.

Un duelo no que a principal novidade pode ser a entrada por primeira vez na lista de Pelayo Suárez, defensor recentemente incorporado ao equipo granate despois da grave lesión de Churre.

Así o recoñeceu este venres en rolda de prensa o adestrador dos pontevedreses, Yago Iglesias, asegurando que o central asturiano "xa está en condicións de entrar en convocatoria".

"A semana pasada xa viña con ritmo. Non é un xogador que viña de estar parado, aínda que é certo que tiñamos pensado no partido de Copa darlle minutos e non puido ser así", explicou o técnico.

En todo caso cunha semana máis de traballo "vai coñecendo a idea do equipo e estase a integrar ben", afirma Iglesias.

Máis aló da presenza ou non de Pelayo Suárez, o Pontevedra afronta en principio o choque coa única ausencia do lesionado Churre e tras tres saídas consecutivas moi sólidas, con senllos triunfos aínda que sobre campos de céspede artificial.

"O contexto é totalmente distinto", advirte Yago, aínda que "a idea de xogo non vai cambiar".

No que respecta ao rival o preparador granate encomiou a un Coruxo que "sempre compite" e ao que "no seu campo os resultados até o día de hoxe non foron o que a nivel futbolístico merecía".

Yago Iglesias lembrou ademais o desprazamento de seguidores pontevedres hai un ano a Vigo, cando "O Vao foi un pequeno Pasarón". Por iso desexa "que esta fin de semana sexa igual" para axudar o seu equipo a conseguir a vitoria.