O Arousa, despois da derrota da pasada semana ante o Estradense, viaxou este domingo ata a provincia coruñesa para medirse ás Pontes na súa casa. Este último, pola súa banda, recibiu aos pontevedreses con catro puntos no peto (en tres partidos) e unha posición na táboa que lle augura unha boa tempada.
Manu Táboas, Adrián, Coti, Pacheco, Trapero, Pedro, Javi Otero, Manu Rodríguez, Pedro Beda, Róber e Raúl foron titulares por parte do conxunto arousán. Mentres que o míster local optou por Paco, Rivas, Dani, Álex, Pájaro, Gonzalo, Fidi, Quique, Pardo, Carlos e Cambón para os compases iniciais.
O choque comezou de fronte para os locais, que pouco tardaron en adiantarse no marcador. Foi Carlos López quen, a escasos sete minutos do inicio, materializou un penalti, establecendo, así, o 1-0, que lastrou, durante boa parte do primeiro tempo, aos de Rafa Sáez. A partir dese momento, os arousáns, a pesar de ter maior posesión de balón, eran incapaces de chegar arriba, o que supuxo que tardase o empate. Pero, finalmente, terminou por facelo. Pedro Beda conseguiu, nos últimos minutos antes do descanso, responder e igualar o encontro (1-1). E aquí abriuse a veda. En escasos dous minutos a situación deu un xiro de 180 graos. Raúl Martiñán, foi o responsable de, xusto despois da acción anterior, lograr o 1-2 que mandaría aos seus con vantaxe ao vestiario.
Coa continuación, a dinámica foi distinta, polo menos ao principio. Os anfitrións aproveitaron uns minutos de descoidos por parte dos arousáns e conseguiron, de novo, as táboas por medio do mesmo home, Carlos López (2-2). Pero non quedaría aí. Case inmediatamente, Rober Fernández anotaría o 2-3, que volvería poñer aos de Sáez por diante. Con todo, unha xogada desafortunada terminaría ocasionando, por unha banda, a expulsión de Pacheco por dobre amarela, polo que o Arousa quedaba en inferioridade numérica, e, por outro, penalti a favor dos coruñeses. Carlos López converteuse no pesadelo dos seus rivais e materializouno no marcador, establecendo o 3-3. A partir de aí, os dous equipos pelexaron por quedar, definitivamente, cos tres puntos e, tras 90 minutos de infarto no Poboado, Pedro Beda fixo maxia e marcou o gol de 3-4, rematando cunha vitoria dobremente doce.