Peche de tempada con mensaxes á afección: "Ver Pasarón cheo foi o mellor que vivín no fútbol"

Pontevedra
06 de xuño 2024

Pendentes do seu futuro. Así inician as vacacións a maioría de futbolistas do Pontevedra Club de Fútbol tras unha primeira toma de contacto coa entidade. Varios integrantes do plantel granate publicaron mensaxes dirixidas á afección á espera noticias concretas sobre a planificación da próxima campaña

Eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Betis Deportivo en Pasarón
Eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Betis Deportivo en Pasarón / Mosrey Fotografía

Pendentes do seu futuro. Así inician as vacacións a maioría de futbolistas do Pontevedra Club de Fútbol.

Son xornadas de reflexión e liquidación do exercicio nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, nas que se produciu unha primeira toma de contacto con integrantes do plantel aproveitando a despedida do curso.

O primeiro con todo será definir o futuro do banco, con Yago Iglesias finalizando contrato. Mentres isto non sucede, e á espera de noticias concretas sobre a planificación da próxima campaña, varios xogadores empezaron a publicar a través das súas redes sociais mensaxes dirixidas especialmente cara á afección e sobre o sucedido ao longo do último curso.

"Tentámolo con todas nosas forzas pero quedamos na beira de regalarvos o ascenso que todos vos merecedes. Grazas a todos polo apoio recibido esta tempada. Sodes, de corazón, unha paixón que se contaxia", escribiu o central Mario Gómez, un dos 13 futbolistas que non contan con contrato asinado para a próxima tempada.

Tamén finaliza a súa vinculación Toño Calvo, quen destacou que "o ambiente que se xera en Pasarón é a esencia do Pontevedra CF, e o motivo suficiente para saber que este equipo volverá tentalo as veces que faga falta".

Cabe lembrar que só sete futbolistas teñen contrato en vigor ata xuño de 2025. Trátase de Edu Sousa, Manu Vizoso, Garay, Samu Mayo, Charly López, Dalisson e Chiqui. Precisamente este último publicou unha emotiva mensaxe de peche de tempada na súa conta persoal de Instagram que foi compartida polo propio Pontevedra. Un texto no que Chiqui defende que "o demos todo para conseguir ese obxectivo que tanto mereciades/mereciamos", destacando ademais a unión entre equipo e bancada porque "di moito de vós que despois dunha eliminación tan dura, seguísedes aí aplaudindo o equipo coas bágoas nos ollos".

Por todo iso o futbolista asegura, tras agradecer o agarimo e apoio recibido, que "ver Pasarón cheo foi o mellor que vivín no fútbol e oxalá sexa así sempre".