O Concello de Cuntis anunciou o inicio das obras de mellora na pista deportiva do Pavillón Municipal, un proxecto co obxectivo de modernizar e optimizar as instalacións para o goce de todos os veciños e veciñas.
A actuación, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, busca crear un espazo máis seguro, cómodo e funcional para a práctica deportiva.
O proxecto, que contará cun investimento de 105.000 euros da Deputación, ten como obxectivo solucionar os problemas actuais da pista, entre os que se inclúen o esvaramento do pavimento; a súa excesiva dureza que pode causar lesións; a falta de amortiguación e a confusión derivada das múltiples liñas de marcaxe.
Unha das principais melloras será a substitución do pavimento actual por un material sintético vinílico de 6 mm de espesor. Este cambio mellorará a amortiguación, reducirá o risco de esvaramento e proporcionará unha superficie máis plana e cómoda, reducindo o risco de caídas e lesións grazas ao seu material antiesvarante, favorecendo o rendemento deportivo e a seguridade dos usuarios.
Para garantir a planeidade do novo pavimento, realizarase a eliminación da pintura existente, a aplicación de morteiro autonivelante e a colocación de malla de fibra de vidro, garantindo un acabado perfecto e seguro.
Esta mellora traerán tamén como beneficio a redución de ruído, xa que o novo pavimento sintético absorberá o son, creando un ambiente máis agradable tanto para xogadores como para espectadores.
A nova sinalización será clara e precisa, diferenciando as liñas de xogo de fútbol sala e baloncesto, e incluíndo o escudo do concello no círculo central da pista, o que tamén evitará confusións e mellorará a experiencia de xogo.
A mellora estética tamén se abordará coa pintura do zócalo do perímetro das paredes interiores do pavillón, que xunto coas medidas anteriores creará un ambiente máis atractivo.
A concelleira de Deportes, Conchy Campos, destacou que "a seguridade dos nosos deportistas é primordial. O novo pavimento e as melloras na sinalización reducirán significativamente o risco de lesións, permitindo que todos poidan practicar deporte con maior confianza."
