A regatista Paula González Esteban, natural de Poio, logrou un meritorio cuarto posto no Campionato do Mundo da clase Vaurien de vela lixeira, celebrado desde o pasado 13 de xullo no encoro de Liptovska Mara, en Eslovaquia.
Paula compaxina a súa profesión de enfermeira no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra coa súa paixón pola vela, un deporte que lle brindou unas cantas alegrías con tan só 25 anos. Entre os seus logros atópanse a medalla de prata outorgada polo Comité Olímpico Español en 2016 e o recoñecemento como mellor deportista feminina durante dous anos consecutivos (2017 e 2018).
En 2022, a regatista fíxose coa primeira praza no Campionato de España feminina e, xunto á súa irmá Paloma, proclamouse campioa do mundo da clase Vaurien en categoría feminina por partida dobre.
Esta mesma semana en Eslovaquia, tivo a oportunidade de revalidar o título mundialista, esta vez co francés Brieuc Drogou, pero a pesar de estar durante toda a semana en postos de medalla e arrincar a última manga coa prata no peto, na xornada final perderon uns segundos que foron decisivos e deixáronos fóra do podio.
"Xogámonolo todo. Sacabámoslle un punto ao terceiro e o primeiro sacábanos dous, así que nos arriscamos", recoñeceu a regatista a PontevedraViva.
"Foi unha pena", lamentou Paula, quen explicou que nun principio non contaba con participar e "foi unha decisión de última hora". Iso si, "desde o momento que decidín competir co meu compañeiro Brieuc, marcámonos o obxectivo de alcanzar o Mundial absoluto".
Agora, unha vez aterrada de volta en Pontevedra, agradece o apoio que lle dan, sobre todo, as súas compañeiras do CHUP, xa que "me permiten realizar os cambios necesarios para poder asistir ás competicións e non lles resulta fácil".
Os seus próximos obxectivos son a Copa de España, que se disputará entre o 14 e o 18 de agosto en Barrios de Luna (León) e, máis a longo prazo, o Campionato do Mundo que se celebrará en Italia en xullo do ano que vén. Tamén espera "seguir ao mesmo nivel que este ano" e conseguir o Europeo e o Mundial de clase J70 que albergará Portugal.