O 19 de febreiro no Centro Cultural Casa de Vacas de Madrid terá lugar a primeira edición da Conferencia Internacional en Defensa das Categorías Deportivas Femininas. Un foro no que grandes figuras internacionais do deporte feminino posicionaranse, publicamente e en diversas conferencia, en contra de proxectos de lei que abren a porta á presenza de homes en competicións deportivas femininas.
E entre elas estará a pontevedresa Paula Dapena, férrea defensora dos dereitos da muller e activa colaboradora con diversas asociacións feministas. A exfutbolista do Interrías saltou ao primeiro plano de noticiarios deportivos de todo o mundo por sentar de costas antes do inicio dun partido do seu equipo en sinal de protesta contra o minuto de silencio pola morte do futbolista Maradona. "Eu negábame a gardar ese minuto de silencio por un violador, pedófilo, putero e maltratador", dixo a PontevedraViva tras aquel xesto.
Desde entón, Paula Dapena participa activamente en campañas en defensa das mulleres. É a súa colaboración habitual coa colectivo Alianza Contra o Borrado das Mulleres, o que lle abriu a porta para participar neste rompedor evento.
"Laura Redondo era a miña profesora na carreira e forma parte desta asociación. Co tema de Maradona chámanme ás veces para colaborar", explica a pontevedresa como xurdiu a oportunidade de participar nun congreso no que compartirá escenario con deportistas da talla de Ruth Beitia, Almudena Gallardo, Leire Olaberria, Lucía Pascua ou Isabel Guerrero.
"Son grandes mulleres e deportistas. Ser relatora con elas é impresionante e flipei cando vin que son capaces de posicionarse así diante de algo tan polémico", destaca Dapena.
E é que o obxectivo principal deste congreso é denunciar que "na actualidade e ante os avances do generismo queer, o deporte feminino está en perigo xa que as normas que se implantan a nivel mundial sacrifican a equidade a favor da inclusión de homes autodeterminados mulleres, en claro prexuízo para as deportistas e atletas", recolle o dossier promocional do ciclo de conferencias.
Recoñece Dapena que o tema a tratar é moi "complexo" e ten múltiples arestas. Foxe a pontevedresa da discriminación cara a calquera persoa e trata de resumir o sentido xeral do congreso en que "competir homes con mulleres, non". Lamenta a deportista que recentemente, mesmo en competicións como os últimos Xogos Olímpicos de Tokio, algúns homes aproveitan recunchos legais para afirmar sentirse mulleres para competir en categorías femininas. "Hai cousas que non se poden permitir, é como doparse", sentencia a exfutbolista.
Paula Dapena subirá ao escenario para participar na terceira das catro charlas programadas no complexo cultural do madrileño Parque do Retiro. O título da súa mesa redonda é "A Voz das Mulleres Deportistas ante a Inclusión de Autodenominados Mulleres no Deporte Feminino".
Ao longo da súa traxectoria deportiva, Dapena nunca se tivo que enfrontar a unha situación como esta, pero si que viviu experiencias que lle demostraron que homes e mulleres non poden competir en igualdade de condicións. "Estando eu xa en categoría sénior, con 24 anos ou así, temos xogado partidos de adestramento contra equipos masculinos de xuvenís ou cadetes e xa se nota a diferenza física. E iso que eramos mozas de 24 anos contra nenos de 16", remarca a deportista, que este ano deixou o fútbol ao carón para centrarse nas oposicións para profesora de Educación Física.
O resto do programa do evento virará ao redor da "Bioloxía, Equidade e Atletas Transgénero no Deporte Feminino", a cargo de Emma Hilton; "Loita en Defensa das Categorías Deportivas Femininas no Ámbito Internacional", coa participación de Fiona McAnena, Linda Blade e Susanne Bischof; e "Impacto das Leis Identitarias no Deporte Feminino", en presenza de Laura Redondo e María José López. Ademais, durante o evento presentarase o libro "Xogo Limpo para as Mulleres".
Alianza Contra o Borrado das Mulleres alerta no programa do congreso de que "as vantaxes competitivas dos nados homes non desaparecen nin sequera tras anos de hormonación, dada a súa maior densidade ósea, maior capacidade pulmonar, maior masa muscular e superiores tamaño e altura media". Neste sentido asguran estar "a observar como podios femininos en competicións de todo o mundo están a ser copados por persoas con cromosomas XY, deixando ás mulleres nunha posición de imposibilidade de competir en igualdade de condicións".