Patrocinio olímpico dunha cidade "orgullosa" dos seus deportistas

Pontevedra
22 de xullo 2016

O Concello de Pontevedra asina o primeiros tres convenios de patrocinio de deportistas olímpicos "que son de Pontevedra, viven aquí ou adestran aquí", a poucos días dos Xogos de Río. Juan Saavedra, Teresa Portela e Frank Casañas recibirán 6.000 euros como axuda á súa preparación

Juan Saavedra, Teresa Portela, Miguel Anxo Fernández Lores, Frank Casañas e Anxos Riveiro
Juan Saavedra, Teresa Portela, Miguel Anxo Fernández Lores, Frank Casañas e Anxos Riveiro / Mónica Patxot

Cos Xogos Olímpicos ao virar a esquina, Pontevedra quixo despedir aos seus olímpicos asinando un convenio de patrocinio como axuda á súa preparación.

"O Concello de Pontevedra síntese orgulloso dos olímpicos de Pontevedra, que viven aquí ou que adestran aquí", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

É o caso do tirador pontevedrés Juan Saavedra, a piragüista canguesa Teresa Portela ou o atleta de orixe cubana Frank Casañas. Todos eles recibirán unha axuda de 6.000 euros.

En todo caso o goberno local deixou a porta aberta a ampliar este convenio con outros deportistas como a regatista Támara Echegoyen, coa que non puideron reunirse ao atoparse xa en Brasil adestrando.

Lores lamentou ademais "a mala sorte ou desgraza de Javi (Gómez Noya) e tamén de Bea (Gómez Cortés)", que a pesar das súas expectativas non estarán nos Xogos Olímpicos de Río, e desexou "moito éxito a Jean Marie Okutu, que adestra en Pontevedra e ten adestrador pontevedrés", sinalou en relación ao atleta marinense.

Os tres deportistas comentaron ante os medios de comunicación as súas aspiracións en Río de Janeiro, empezando por un Juan Saavedra que competirá en setembro nos Xogos Paralímpicos (tiro olímpico) co obxectivo de "entrar en dos finales e ir a por el oro", explicou sobre a súa cuarta cita olímpica o que xa foi medallista en Londres 2012, cunha prata.

Pola súa banda Teresa Portela, que vivirá os seus quintos Xogos, tentará meterse na final, estar "entre las ocho mejores" e, por que non, pelexar por unha medalla que rozou cos dedos en Londres, onde foi cuarta.

Tamén aspira a estar na final de lanzamento de disco Frank Casañas, atleta afincado na cidade de Lérez desde hai uns anos e que se declara "feliz y contento" por conseguir a mínima tras "un año duro porque salí de una lesión". Casañas xa foi quinto en Pequín 2008 e sétimo en Londres 2012.