A sexta participación nuns Xogos Olímpicos de Teresa Portela non puido comezar de mellor maneira.
No primeiro día de competición do piragüismo sprint, a padexeira pontevedresa debutaba nas series clasificatorias do K-1 200 metros e deixou unhas grandes sensacións.
Portela venceu na terceira carreira da mañá en Tokyo cun tempo de 40.812, superando claramente á húngara Anna Karasz (41.127), segunda, e ao resto de competidoras. Desta forma consegue o seu pase directo ás semifinais de martes co segundo mellor rexistro total, sen ter que pasar polos cuartos de final.
Toda unha declaración de intencións para unha deportista convertida en lenda e que xa foi quinta en Atenas 2004 e Pequín 2008, cuarta en Londres 2012 e sexta en Río 2016.
Tras o seu prometedor debut Teresa Portela afrontará este martes (2.30 horas en España) unhas semifinais nas que contará cunha forte competencia para facerse cunha das 4 prazas para a gran final. Entre elas estará a actual campioa olímpica Lisa Carrington (Nova Zelandia) ou as tamén medallistas Emma Aastrand Jorgensen (Dinamarca) e Marta Walczykiewicz (Polonia).
De meterse na loita pola ansiada medalla, a final do K-1 disputarase tamén este martes, ás 4.37 horas da madrugada en España.