Case 28 anos tiveron que pasar para que Pontevedra Club de Fútbol e Arosa SC volvan ver as caras nun partido de liga no Estadio Municipal de Pasarón na Segunda División B, ou neste caso Segunda RFEF.
A última vez que ocorreu foi na tempada 93-94 (19 de decembro de 1993), campaña na que os granates concluirían na quinta posición e os arlequinados terminarían descendendo para non volver regresar á categoría ata o presente curso, empezando unha longa andaina en Terceira División e mesmo Preferente.
Naquel encontro adiantaríanse os de Vilagarcía cun gol de Richard, de penalti, empataría Gustavo Blanco e finalmente Emilio daría os tres puntos ao equipo adestrado ese ano por Félix Carnero.
Desde esa data o derbi comarcal só se viviu dúas tempadas máis en liga, ambas as dúas en Terceira División (13-14 e 14-15), e ambas as dúas con triunfo granate en Pasarón.
Con todo as cifras no que respecta a a Segunda B son moi diferentes, e é que Pontevedra e Arosa cruzáronse ao longo da historia 6 tempadas nesta categoría, con balance nos encontros en Pasarón de só unha vitoria pontevedresa (1-0 na 87-88), dous empates (84-85 cun 3-3 e 85-86 cun 1-1) e tres vitorias arosistas (0-1 na 88-89, 0-3 na campaña 89-90 e un 1-2 na citada 93-94).
Estatísticas en todo caso que pouco importarán cando empezo a rodar o balón o vindeiro domingo (17.00 horas), cun Pontevedra que chegará como segundo clasificado con 20 puntos pero coa materia pendente de facerse forte na casa, e cun Arosa que con 17 puntos desde a décima posición está a protagonizar unha notable tempada puntuando en tres dos seus seis saídas ata a data (dous triunfos en Luanco e Ceares e un empate en Palencia).