O céspede do Estadio Municipal de Pasarón pasa por talleres.
Aproveitando as case tres semanas sen partidos no coliseo granate, o Pontevedra Club de Fútbol aproveitou para someter o céspede a un tratamento co que esperan poida soportar o inverno e a época de choivas.
Fixérono pensando nun exixente inicio de ano para o terreo de xogo, entre os encontros previstos de Copa do Rei e liga.
O tratamento consistiu na achega de area coa consolidar o terreo.
Tras esta tarefa, agora o céspede gardará repouso até o encontro de Copa do Rei fronte a Mallorca do próximo venres 3 de xaneiro, data para a que se confía estea en boas condicións.
Máis aló do torneo copeiro, que de superar rolda suporía outro encontro na casa (os oitavos de final están fixados para a semana do 15 de xaneiro), o ano comezará con varios encontros como locais en pouco espazo de tempo.
Na liga os de Yago Iglesias arrincarán o ano, coincidindo co inicio da segunda volta, visitando o Real Valladolid Promesas, pero despois desa cita deberán afrontar tres encontros en Pasarón en só catro semanas.
O 19 de xaneiro visitará o estadio pontevedrés o Compostela, e unha semana máis tarde (26 xaneiro) farao o Numancia. Despois, cun desprazamento polo medio, disputarase o 9 de febreiro un Pontevedra-Langreo.