Pasarón apunta ante o Ourense á mellor entrada da tempada

Pontevedra
16 de abril 2024

As oficinas do club granate despacharon xa este luns máis dun cento de entradas para o partido que pode marcar a tempada do equipo, o que lle enfrontará a tres xornadas do final ao Ourense CF co liderado en xogo. Os abonados poden retirar dúas localidades a metade de prezo para o choque

Afección do Pontevedra no Vero Boquete
Afección do Pontevedra no Vero Boquete /

Medio ascenso poñerase en xogo o vindeiro domingo 21 de abril (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón entre Pontevedra Club de Fútbol e Ourense CF, colíderes do campionato con 64 puntos, e co paso das horas o ambiente e a expectación vai crecendo a beiras do río Lérez.

Todo apunta a que o coliseo granate vivirá a súa mellor entrada da tempada, superando amplamente as 2.896 persoas rexistradas segundo o dato oficial no duelo da primeira volta fronte ao Compostela ou o máis recente contra o Covadonga, con 2.756 espectadores.

De feito o primeiro día da semana, luns, pechouse xa coa venda de máis dun cento de localidades nas oficinas do Pontevedra, tanto para o público xeral como para socios, e é que o club granate activou unha promoción destinada aos seus abonados, que poderán retirar ata o venres de maneira presencial dúas entradas a metade de prezo para acompañantes ou ata a hora do partido a través da plataforma de venda en liña (https://pontevedracf.acyti.com/).

Ademais, confirma o Pontevedra, ante a previsión dunha importante afluencia de afeccionados tamén a última hora, o despacho de billetes de Pasarón abrirán o domingo ás 15.30 horas, hora e media antes do choque.

En canto ao prezo das localidades, fixouse para o público adulto en 10 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna, mentres que o público xuvenil (entre 7 e 17 anos) deberá pagar 8 euros en fondos e Preferencia e 15 euros en Tribuna.