Partido trampa para o Pontevedra na súa visita ao campo do Silva

Pontevedra
28 de febreiro 2015

Coas baixas de Capi, Campillo e Pedro García, Luisito despraza ata a capital herculina aos mesmos 16 xogadores cos que contou no último partido fronte ao Rácing Villalbés, prescindindo de novo de Fran Fandiño e Benja

Jacobo e Pablo Carnero nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Jacobo e Pablo Carnero nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Cinco partidos no mes de marzo e un reto: facer pleno de vitorias neles para achandar o camiño cara ao título. Malia que tanto adestrador coma xogadores prefiren apuntarse ao dito de moda de ir "partido a partido", ese é o obxectivo do Pontevedra, que sabe perfectamente que lograr eses quince puntos en liza situaríanlle nun posición de privilexio para conseguir o primeiro obxectivo da tempada, que non é outro que finalizar a liga no primeiro posto.

Pero a ninguén debe enganalo a delicada situación dos rivais, que posiblemente sexa unha dificultade engadida para conseguir ese pleno de vitorias. Trátase dos equipos que marchan nos cinco últimos postos, pero precisamente por iso os máis necesitados tamén de pelexar por conseguir os puntos en disputa, coa salvidade do Bertamiráns, practicamente desafiuzado.

E o primeiro deses partidos será un dos máis complicados. Os granates renden visita por primeira vez na súa historia ao recén ascendido SD Silva (domingo, 16:00 horas), no campo da Grela I, un escenario de reducidas dimensións e cesped artificial, que será un aliado do conxunto coruñés.

Os dous equipos afrontan o partido con baixas nas súas filas. Mentres os granates seguen acumulando ausencias na súa zona defensiva, con Capi, Campillo e Pedro García en proceso de recuperación, no equipo coruñés as súas baixas serano por sanción, motivo polo que Miguel Leal e César Freire non poderán actuar.

Da dirección arbitral encargarase o colexiado Gonzalo Goyanes López (Santiago), auxiliado nas bandas por Carlos Fernández Lodeiro e Miguel Ángel Vilas Lorenzo.

Luisito repite convocatoria e volve deixar fóra a Fran Fandiño e Benja

Para os de Luisito será unha especie de partido trampa, fronte a un rival moi motivado e que buscará amargar de novo a vida ao cadro pontevedrés, como xa o fixese na primeira volta en Pasarón, arrancando un empate que provocou a destitución do entón adestrador, Manu Fernández.

Coas baixas xa comentadas, o técnico de Teo desprazará ata a capital herculina os mesmos 16 xogadores cos que contou no último partido fronte ao Rácing Villalbés, prescindindo de novo de Fran Fandiño e Benja. Dese modo os convocados son: Edu, Lloves, Adrián, Rubén Lobato, Pablo, Bruno, Kevin Presa, Tubo, Álvaro Muñiz, Pablo Carnero, Mouriño, Jacobo, Tomás, Miguel Centrón, Anxo e Jorge.