Un partido para medir o potencial do novo proxecto feminino do Leis Pontevedra

Pontevedra
21 de novembro 2024

O conxunto pontevedrés, que retomou a actividade de categoría sénior feminina esta tempada, marcha segundo na Preferente Futgal e a próxima xornada medirase ao líder invicto Estrela Futsal

Equipo feminino do Stellae Leis Pontevedra FS
Equipo feminino do Stellae Leis Pontevedra FS / Stellae Leis Pontevedra FS

Tras a fusión do pasado verán, o novo Stellae Leis Pontevedra apostou fortemente por recuperar as categorías de base da entidade e tamén a súa estrutura feminina.

Fíxoo a nivel sénior feminino empezando desde a Preferente Futgal, aproveitando a praza do Cidade de Pontevedra tras a súa integración tamén no club, pero cun proxecto con ganas de ir crecendo aos poucos.

Con José Luís Castiñeira no banco, técnico con experiencia no Poio Pescamar, e coa ex-gardameta Silvia Aguete como unha das súas axudantes, o Stellae Leis protagonizou até a data un gran inicio de campionato.

En oito xornadas só cedeu un empate (0-0 ante o Bembrive B), sumando os seus outros sete encontros por vitoria para colocarse segundo con 22 puntos.

Con todo un equipo está a dominar de maneira asina a liga, o Estrela Futsal, líder invicto cun partido máis que o Leis e todo vitorias (27 puntos) e unhas cifras que asustan, con 51 goles a favor e 11 en contra.

Será precisamente o Estrela Futsal o seu próximo rival en liga, nun partido para medir o nivel real do proxecto pontevedrés.

Este encontro disputarase o domingo 24 de novembro (17.00 horas) no pavillón de Monte Carrasco, en Marcón.

A entrada a este partido será de balde para o público.