Empate a todo, ou a nada, nun gris encontro de ida de cuartos de final de Copa Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón entre Pontevedra Club de Fútbol e Escobedo.
Visitaba a cidade de Lérez o terceiro clasificado da Terceira División cántabra, e tal e como se esperaba Luismi aproveitou a cita para rodar ás novas fichaxes do equipo e dar oportunidade a futbolistas da casa. Así os Pibe, Darío Flores ou Eder Díez compartiron once inicial con Juan Barbeito, Pacheco ou Lezcano.
O ambiente frío que rodeaba o choque, na bancada e tamén no ambiente polas baixas temperaturas, pareceu trasladarse ao céspede de Pasarón, aínda en mal estado pero mellorado desde o encontro de liga ante o Fuenlabrada do domingo. Así, pasaron os primeiros minutos de tenteo con pouco que apuntar.
Non foi ata o minuto 10 de xogo cando chegou o primeiro achegamento, tímido, dos locais, cun remate de Eder Díez de cabeza tras centro de Marcos Álvarez que se marcho alto. O certo é que o dianteiro vasco protagonizou as accións de máis perigo durante a primeira metade, sobre todo no 26 nun córner lanzado por Prosi e cabeceado polo ariete que sacou a defensa baixo paus.
Tras esa acción estirouse un pouco o Escobedo e empezou a achegarse á área de meta defendida por Anxo Pérez. Non creou excesivo perigo, aínda que unha acción anulada por un axustado fóra de xogo de Germán inquietou aos locais. Ademais os cántabros reclamaron penalti sobre o propio Germán pasada a media hora. Pareceu falta, pero o colexiado deixou seguir ante as protestas visitantes.
Chegou o descanso e na continuación pareceu saír disposto a dar máis o cadro granate, que no minuto 46 tivo a súa mellor ocasión cando o recentemente ingresado no campo Berrocal encarou ao gardameta e deixou a Eder para que embocara, pero o terreo xogoulle unha mala pasada e en posición inmellorable rematou fóra.
Pasou o empuxe inicial e o encontro volveu a dormir. Só pequenas accións facían pensar en algo máis ou levantaban comentarios nas bancadas, como a carreira na que o visitate Germán superou en velocidade a un Darío Flores que parecía en vantaxe antes de rematar frouxo ante Anxo. Tivo outra ocasión o Escobedo nun remate de Héctor Marcos que obrigou a intervir a Anxo.
Era o minuto 71, e de aí ao final o encontro transcorreu con máis pena que gloria, sendo reseñable a tensión que creceu entre os futbolistas de ambos os equipos en varias acciones rifas e que supuxo varios cartóns amarelos en ambos os dous bandos.
Todo se decidirá pois dentro de dúas semanas en Cantabria, en Escobedo de Camargo, onde o Pontevedra deberá ofrecer algo máis para poder seguir progresando na competición.
PONTEVEDRA CF (0): Anxo Pérez, Juan Barbeito, Pablo López (Iñaki, minuto 73), Pacheco, Darío Flores, Prosi (Jesús Barbeito, minuto 60), Marcos Álvarez, Mouriño, Eder Díez, Lezcano (Berrocal, minuto 46), Pibe.
UM ESCOBEDO (0): Rafa, Adri (Berto, minuto 75), Richi (Mario, minuto 84), Nando, Izan, Quinta, Héctor Tirado, Pepín, Germán, Víctor (Héctor Marcos, minuto 62), Bubu.
Árbitros: Daniel Pastoriza Iglesias, auxiliado nas bandas por Anxo Fariña Blasi e Miguel Oliveira Diso (Galicia). Amoestaron a Pablo López e Pibe no Pontevedra e Héctor Marcos, Germán e Berto no Escobedo.
Incidencias: Partido de ida de cuartos de cuartos de final da Copa Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante aproximadamente 400 espectadores.