Papel destacado do Breogán do Grove no Nacional de Ríos e Travesías

O Salnés
04 de xuño 2019

O club meco finalizou quinto na clasificación xeral do campionato celebrado en Bilbao, dominando as probas de canoa sénior grazas a Diego Romero e Tono Campos

Tono Campos e Diego Romero (centro) tras vencer no Nacional de Ríos e Travesías en Bilbao
Tono Campos e Diego Romero (centro) tras vencer no Nacional de Ríos e Travesías en Bilbao / Federación Galega Piragüismo

A ría de Bilbao foi escenario a pasada fin de semana da segunda Copa de España de Piragüismo Maratón da tempada e o Campionato de España de Ríos e Travesías, no que tivo un papel destacado o Breogán do Grove.

O club meco quedou quinto na clasificación xeral do Nacional, no que participaron ata 64 clubs.

Este bo resultado cimentouse, entre outras probas, no dominio da canoa sénior masculina que exerceron Diego Romero e Tono Campos. Os padexeiros do Breogán impuxéronse na proba de C-2, mentres que na carreira individual triunfou Romero ante o seu compañeiro de equipo.

Ademais as irmás Valeria e Yolanda Oliveira terminaron en primeira e segunda posición en C-1 cadete, un resultado que no caso de Valeria supón continuar coas boas noticias tras a súa convocatoria para o Mundial xuvenil no competirá no C-2 200 xunto a Antía Ourille do Piragüismo Rías Baixas.