Francisco Silva Conde é oficialmente o abonado número 1 do Pontevedra CF. Este venres 15 de decembro, a presidenta do club, Lupe Murillo, facíalle entrega do carné que recoñece os seus case oitenta anos de fidelidade polo club. Ademais, o club quixo homenaxearlle cunha camiseta do primeiro equipo rotulada co número 1 e o seu nome.
Xunto coa presidenta, unha nutrida representación do club quixo acompañar ao histórico seguidor granate. Entre outros, o secretario técnico Charles Dias; o manager xeral Elías Espiñeira; o ex xogador Pablo Vázquez, que defendeu o escudo do equipo durante 12 tempadas; e xogadores do primeiro equipo.
Paco Silva recoñecía a preguntas de PontevedraViva sentirse "verdadeiramente emocionado en compañía da xente do Pontevedra, non me esperaba esta sorpresa".
Engade que, en especial, "alegroume moito ver a Lupe, porque a coñecía doutras celebracións e facía tempo que non a vía". Este encontro fíxolle lembrar que tradicionalmente os presidentes do Pontevedra CF "na entrada ao campo, eran sempre un socio máis, non tiñan distinción por ser presidente do Pontevedra". Unha proximidade que, asegura, sempre estivo presente no club.
Nacido en 1930, conta que foi un rapaz criado na rúa Joaquín Costa, onde pasaba o día xogando ao fútbol na rúa cos veciños e amigos. A pesar de que na súa familia non había afección polo balompé, lembra como con 14 anos "fun eu só ao club Pontevedra a facerme socio, preto de onde estaba a Ferretería Varela, e naquela época, a todos os partidos que había, a todos ía". No profesional, foi propietario durante anos da Ferretería Silva, na rúa Peregrina. Nos últimos tempos, a súa saúde debilitouse e xa non vai ao campo. Con todo, ano a ano renova o seu carné de socio para apoiar a un club "que levo sempre no corazón".
A súa filla Rita, que chegaba de Madrid para acompañar ao seu pai nesta homenaxe, comentaba unha anécdota recente que demostra que, case oito décadas despois de sacarse o seu primeiro carné de socio, Paco segue entusiasmándose cando ve un balón de fútbol. Explica Rita que o seu pai comproulle unhas porterías para o xardín ás súas netas, "porque a todas gústalles moito xogar ao fútbol". Entón, foi pasear polo xardín e "de repente vexo que caeu". Tras asegurarse de que estaba ben, ao preguntarlle que lle pasaba, Paco contéstalle: "pois nada, é que estaba aquí un balón e coa portería enfronte non me puiden resistir, tentei marcar un gol e perdín o equilibro".
O acto tivo lugar no Centro de Día Al faRo Mayores, do cal Paco é usuario. Rocío Pidre e Alicia Méndez, as fundadoras do centro, contan que a idea desta homenaxe xurdiu de modo casual durante un taller de risoterapia. "Os alumnos empezaron a dicir cal era o seu equipo de fútbol. E, de súpeto, Paco exclamou orgulloso: Pois eu son o socio máis antigo do Pontevedra!".
A partir dese feito, Rocío e Alicia puxéronse en marcha para que Paco tivese "o seu día especial". Unha iniciativa que, afirman, queren seguir promovendo con todos os usuarios do centro de día.
Contactaron co Pontevedra CF e dende o club todo foron facilidades. Pero aínda quedaba un reto: que Paco non soubese nada do que lle estaban preparando.
Coa complicidade dos usuarios do centro, da directiva do Pontevedra CF e da propia familia de Paco, produciuse o milagre.
O colofón a unha tarde cargada de emocións poñíao Lupe Murillo ao afirmar que "persoas como Paco demostran o amor ao noso club e á nosa cidade".